O PSOE de Rábade defende o investimento do Goberno central na nova pasarela peonil

LugoXa | TerraChaXa
Destaca que a nova infraestrutura mellorará a accesibilidade e a seguridade no centro urbano
nova-pasarela-adif-rabade
21 Nov 2025

O Grupo Municipal Socialista de Rábade celebra a construción da nova pasarela peonil sobre a liña ferroviaria León-A Coruña, unha actuación promovida por ADIF e financiada polo Goberno de España, que permitirá mellorar a seguridade e a accesibilidade peonil no centro urbano do municipio.

A nova infraestrutura conecta a rúa Campo da Feira e a Praza de España coa estación de tren de Rábade e conta cun deseño moderno e accesible, con estrutura metálica, ascensor, escaleiras e novo sistema de iluminación que mellorará a visibilidade e a seguridade no entorno.

A actuación, cun investimento de máis de 717.000 euros, inclúe tamén traballos de mellora e acondicionamento do entorno urbano, novas beirarrúas e muros de pedra, e actuacións orientadas a facilitar a mobilidade e a circulación no núcleo urbano.

O voceiro socialista, Alejandro Martínez Campos, destacou que “esta é unha obra importante para Rábade, que moderniza a contorna da estación, mellora a seguridade e facilita os desprazamentos peonís”. “É un exemplo máis do compromiso dos gobernos socialistas, tanto dende Madrid como dende a provincia, coa seguridade, a accesibilidade e a mellora da calidade de vida da veciñanza”.

Desde a Agrupación Socialista de Rábade salientan que “as únicas obras de interese xeral que se están executando actualmente no municipio son as impulsadas por gobernos socialistas: a nova pasarela peonil de ADIF, promovida polo Goberno de España, e a urbanización da Avenida dos Remedios, financiada pola Deputación Provincial de Lugo”.

“O certo é que en máis de dous anos de mandato do PP en Rábade a Xunta de Galicia non investiu nin un só euro en proxectos de interese para o municipio. Mentres eles miran cara outro lado, son os gobernos socialistas os que seguen apostando polo desenvolvemento e pola mellora dos servizos públicos”, afirman desde o Grupo Municipal.

“Esta pasarela é moito máis ca unha infraestrutura: é unha mostra de que cando hai vontade política e colaboración institucional, os proxectos chegan e melloran a vida da xente. Hoxe Rábade é un pouco máis accesible, máis seguro e máis moderno”, conclúe Alejandro Martínez.

⚙ Configurar cookies
0.07017993927002