O PSOE de Rábade impugnou tamén o censo para as eleccións municipais
O PSOE de Rábade impugnou o censo electoral do Concello para as eleccións municipais ante o incremento de residentes “significativo” e “inxustificado” en relación ao censo anterior. Tal e como fixera para as eleccións xerais, os socialistas toman esta decisión recollida na lei tras a advertencia da Oficina do Censo Electoral ao Concello de Rábade polo aumento no número de potenciais votantes durante o mes de xaneiro de 2019.
O Secretario Xeral da agrupación socialista en Rábade, Miguel Vilar, subliñou que “tras a anulación de 15 posibles votantes en Rábade por parte da OCE para as eleccións xerais e o sospeitoso aumento do censo durante o mes de xaneiro, dende o PSOE consideramos que debemos actuar do mesmo xeito e defender os intereses dos veciños de Rábade e protexer a limpeza do proceso”.
Miguel Vilar explicou que o seguinte paso será que a Oficina do Censo Electoral dite resolución e ordene as rectificacións pertinentes no censo de Rábade segundo o resultado dos seus informes e inspeccións.