O PSOE de Riotorto, en contra da compra dunha parcela para a planta de residuos

TerraChaXa | AMariñaXa
José García denuncia que o PP “quere instalar unha planta sen diálogo, nin consenso e contando só co criterio político do Alcalde”.
ALDURFE EN RIOTORTO PARA A INSTALACIoN DA PLANTA DE TRANSFERENCIA DE RESIDUOS
15 Xan 2022

O voceiro Socialista, José García avanzou o voto en contra do Partido Socialista para a compra da parcela por parte do Concello de Riotorto co fin de cedela gratuitamente a Sogama, co para ubicar en Vilaseca a nova planta de residuos. “O PP quere instalar unha planta en Riotorto sen diálogo, nin consenso e contando só co criterio político do alcalde”.

“Vamos a celebrar un pleno no que o alcalde quere aprobar a compra desta parcela ubicada preto da Cruz da Cancela, no lugar de Vilaseca, e propón gastar fondos municipais destinados a obras para esta transacción por un importe de 36.000 euros, iso si, con fondos de tódalas veciñas e veciños. Xa que da partida que existía no Concello para obras e que estaba dotada con 80.000 euros, agora con esta compra vese reducida aos 44.000 euros”, insistiu.

“Os viais municipais das parroquias de Riotorto precisan de arranxos e melloras como vimos denunciando sistematicamente nos últimos anos, e tamén hai que realizar obras de saneamento no rural. Polo tanto non podemos permitir malgastar os recursos económicos do concello en obras alleas á vila”, espetou.

Ademais hai que lembrar que o PP sigue sen dar explicacións sobre cales son os motivos da súa insistencia en instalar unha planta de tratamento de residuos en Riotorto “a pesar da oposición veciñal e institucional a esta iniciativa”. Por iso criticou “a falla de diálogo e de consenso da Conselleria con concellos afectados, e o máis importante, sen escoitar ao conxunto da veciñanza e dos alcaldes, para que entre todos falen para buscar o mellor emprazamento”.

José García tamén explicou que se dirixiu o día 13 de xaneiro, ás oficinas municipais do Concello de Riotorto para seguir realizando o seu traballo de concelleiro. “Estaba falando cun funcionario nunha oficina municipal interesándome pola tramitación de expedientes que tiña solicitados por rexistro, como fago habitualmente. Nese intre o alcalde entrou nesa estancia e díxolle ao funcionario, sempre segundo a miña versión: que aquí non realizaban escritos para o oposición. Esta é a faciana do alcalde do PP de Riotorto, caciquismo, prepotencia e chularía, cando foi o propio secretario do Concello quen lle ordenou ao funcionario realizar ese escrito. Así trata o alcalde aos empregados públicos municipais. Eu ordeno, eu mando”, criticou.

Expedientes solicitados dende fai meses

O voceiro Socialista acudiu ás dependencias municipais para interesarse pola tramitación de expedientes solicitados no rexistro. “Concretamente unha solicitude con data de rexistro do 21 de setembro sobre o expediente de Sogama, outros dous escritos do 19 de agosto, relacionados coa adquisición de terreos para a residencia da 3ª idade e o saneamento de Mundin e Horto Vello, e por último un escrito do mes de maio sobre facturas relacionadas con bombas de abastecemento na Muxueira e Aldurfe”. “Esta é a democracia do PP de Riotorto, ocultar información aos concelleiros da oposición dende fai meses, e utilizar o concello con tintes caciquís”, espetou.

0.16356897354126