O PSOE de Vilalba acusa ao delegado da Xunta de "falta de lealdade institucional"

TerraChaXa
Javier Arias visitou a vila como representante da administración autonómica para participar en actos institucionais aos que non se convidou á alcaldesa
Marta-Rouco-alcaldesa-vilalba
27 Feb 2025

O Partido Socialista de Vilalba lamenta os continuos "desprezos e mostras de deslealdade institucional" por parte do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, "coa complicidade" dos representantes do Partido Popular de Vilalba e do presidente da administración autonómica, Alfonso Rueda.

Como explican, nas últimas semanas Javier Arias visitou a capital chairega en reiteradas ocasións como representante da Xunta de Galicia: para facer entrega dunha vivenda de promoción pública, para visitar as instalacións de Grupo Forma-T en relación a cursos impartidos con fondos autonómicos e, recentemente, para visitar as obras do plan Marco de mellora de camiños.

En consecuencia, “actos nos que se entende sobradamente que actúa como representante da administración pública á que pertence, a Xunta de Galicia, e nos que en ningún caso se tivo a ben convidar á representante de todos os vilalbeses e vilalbesas, a alcaldesa, Marta Rouco”, sinalou o secretario xeral do PSdeG local, Eduardo Vidal.

Nese liña, dende o Partido Socialista de Vilalba denuncian que “o Partido Popular ten que saber distinguir entre actos políticos e actos institucionais aos que corresponde convidar a todas as institucións implicadas e, neste caso, é sanguento que acudan os concelleiros do Partido Popular en Vilalba e mesmo populares que non teñen ningún cargo institucional representativo en Vilalba pero non o faga a representante dos vilalbeses e vilalbesas que é a nosa alcaldesa, Marta Rouco”.

Así pois, a rexedora de Vilalba, Marta Rouco, salientou que “o representante dunha administración pública, neste caso Javier Arias como delegado territorial da Xunta de Galicia, ten como obriga relacionarse de forma leal co resto de institucións e, cando menos, o presidente da Xunta de Galicia debería velar porque os seus representantes así o fagan”, ao tempo que engadiu que “como representantes da cidadanía debemos manter interlocución entre as administracións á marxe das cores políticas, pero a Xunta de Galicia, coma sempre, ignora a Vilalba e os intereses dos vilalbeses e vilalbesas”.

Pola súa banda, Rouco asegurou que “con este tipo de xestos demostran que priorizan os seus intereses políticos fronte aos intereses de Vilalba e dedícanse a facer propaganda do seu partido político chegando a empregar para elo a un cargo público”.

Ademais, a rexedora vilalbesa salientou que “cuestións como o plan Marco de mellora de camiños non son inversións directas da Xunta de Galicia senón axudas públicas ás que o Concello de Vilalba presentou a correspondente solicitude e que quen se encarga de licitar, supervisar e presentar a documentación xustificativa é o propio Concello”.

Nese sentido, Eduardo Vidal engadiu que “se o que queren é facer propaganda das inversións da Xunta de Galicia no noso concello deberían empezar por atender as peticións de reunións que lles trasladamos en reiteradas ocasións e asinar convenios co Concello de Vilalba para realizar inversións reais e comprometidas co noso municipio”.

Finalmente, dende o Partido Socialista condenan “as continuas faltas de respecto e os desprezos da Xunta de Galicia no seu conxunto e do Partido Popular cara Vilalba, quen non teñen en conta as máis mínimas normas de cortesía institucional nin aceptan a lexitimidade dunha alcaldesa que representa a todos os vilalbeses e vilalbesas”, concluíu o secretario xeral do PSdeG local, Eduardo Vidal.

⚙ Configurar cookies
0.51329612731934