O PSOE de Vilalba alega que seguen faltando médicos no centro de saúde

TerraChaXa
“A Xunta reacciona tarde cubrindo dúas prazas de Pediatría e despois de reiteradas queixas veciñais e políticas, en ningún caso apoiadas polo Partido Popular de Vilalba”, sostén Eduardo Vidal.
7 Mar 2024

“A Xunta reacciona tarde cubrindo dúas prazas de Pediatría e despois de reiteradas queixas veciñais e políticas, en ningún caso apoiadas polo Partido Popular de Vilalba”, sostén Eduardo Vidal.

Os socialistas de Vilalba aseguran que “a Xunta de Galicia reacciona tarde e despois de numerosas queixas veciñais” coa súa decisión de dotar de dous novos pediatras ao centro de saúde da vila.

“A decisión chega despois de que os pais e nais de Vilalba presentaran reclamacións ao atoparse algúns días sen pediatra o centro de saúde”, lembra Eduardo Vidal, secretario xeral do PSOE local.

Vidal lamenta que “o PP non apoie nunca as queixas e demandas veciñais e políticas polas carencias do centro de saúde” e agora “saque peito por unha decisión que chega tarde e non soluciona moitas deficiencias das instalacións”.

“O PP vilalbés, co comunicado que fixo público onte, só pretende lavarlle a cara á Xunta na etapa de maiores carencias no servizo de Atención Primaria do PAC da nosa vila”, afirma o secretario xeral socialista.

“Calquera persoa usuaria do centro de saúde de Vilalba é testemuña dos recurtes e os atrasos”, engaden os socialistas, que lle piden á Consellería de Sanidade da Xunta “que cubra as prazas vacantes en Atención Primaria por baixas ou xubilacións e busque solucións urxentes para as listas de espera”.

“O que non pode ser é que a Xunta espere ás queixas para reaccionar, Vilalba é un concello cabeceira de comarca e no centro de saúde hai días nos que non hai pediatras, esa é a realidade”, remata Vidal.

Á marxe da Atención Primaria, os problemas son aínda maiores en especialidades como xinecoloxía e nas probas diagnósticas, con meses de espera para unha ecografía, por exemplo, ou semanas para obter os resultados dunha analítica.

0.18663692474365