O PSOE de Vilalba contesta ao Sergas que a mellor maneira de humanizar o centro de saúde "é dotalo de persoal sanitario"

TerraChaXa
Pechamos un ano con moitos problemas no centro, con numerosas baixas sen cubrir en atención primaria, pediatría e longas listas de espera para as probas diagnósticas”, lembra Paula Vigo
centro-de-saúde-de-Vilalba
19 Dec 2025

Os socialistas de Vilalba agradecen o novo ‘espazo humanizado’ inaugurado onte na área de pediatría do centro de saúde, pero consideran que “a humanización que demanda a veciñanza é contar cunha asistencia sanitaria digna, non un cambio na decoración das instalacións”.

“Remata un ano con moito malestar veciñal polos problemas do centro de saúde, con numerosas baixas sen cubrir e longas listas de espera para as probas diagnósticas e as consultas en especialidades”, lembra Paula Vigo, secretaria de Política Municipal do PSOE de Vilalba.

No propio servizo de pediatría, durante este ano a Consellería de Sanidade non achegou substitutos cando as dúas pediatras estiveron en situación de baixa laboral. “As solucións chegan tarde e son parches, como pedir aos profesionais de atención primaria de adultos que atendan as urxencias pediátricas, acudir a centros de saúde doutros concellos ou realizar polas tardes os controis de idade, de forma puntual e sen ningún tipo de continuidade”, lamenta o PSOE.

“En Vilalba hai nenos e nenas que precisan dun seguimento por parte de especialistas e que estiveron meses sen cita porque no centro de saúde non estaba o seu pediatra para derivalos”, afirma Paula Vigo, “unha situación que afectou tamén ás familias que acoden ao Servizo de Atención Temperá”.

Por outra parte, durante o ano houbo numerosos problemas en atención primaria, “con moitas semanas nas que só había seis ou sete médicos, que tiveron que cubrir o cupo de pacientes dos 11 profesionais que debería haber”, unha situación que a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, puxo en coñecemento da Xunta de Galicia en varias ocasións.

⚙ Configurar cookies
0.075220108032227