O PSOE de Vilalba critica a contratación de asesores do Goberno local
Grupo Municipal Socialista vén de facer unha crítica ao goberno local pola contratación a unha empresa privada de asesoramento para elexir o novo proxecto de xestión dos servizos da piscina municipal de Vilalba. O PSOE asevera que se trata dun “gasto totalmente innecesario tendo concelleiros que perciben un salario das arcas municipais”, facendo mención aos máis de 10.000 euros que a Xunta de Goberno aprobou o pasado 5 de marzo para a contratación desta empresa.
En concreto, trátase dun gasto de 10.040 euros mais IVA para a redacción dos pregos do contrato de xestión (2.780€), o informe de valoración das ofertas presentadas a concurso (1.640€), os pregos de contratación para o control de calidade (2.780€) e o regramento de uso e xestión da instalación deportiva (2.840€). Ademais, no contrato establécese un límite de 30 días hábiles desde o inicio de cada unha das actividades sinaladas, comezando o prazo a partir da recepción de toda a información e documentación que esta empresa solicita ao Concello. Neste senso, “descoñecemos totalmente cando se mandou esa documentación, así como en que condicións se atopa agora mesmo a instalación municipal ao terse finalizado o contrato coa anterior empresa o 30 de abril, existe unha prórroga? por que non se sacou a concurso a tempo e seguimos coas mesmas improvisacións de sempre?” pregunta o edil socialista Luis Fernández.
Os socialistas tamén censuran outras cuestións do contrato a esta empresa de asesoramento tales como a falta de rexistro de entrada, unha chapuza “que acostuma a facer este equipo de goberno de xeito habitual”, ou a permisión para que esta actuación obteña fins promocionais para a empresa en folletos ou medios de comunicación. “O despropósito, a opacidade e o despilfarro sin sentido é tal, que nos vemos na obriga de pedir explicacións para que non volva a ocurrir”, conclúen.