O PSOE de Vilalba emenda os orzamentos da Xunta insistindo no Centro de Día

TerraChaXa
O Grupo Municipal Socialista presentará emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia a través do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE, incidindo especialmente na construción dun Centro de Día.
7 Nov 2018

O Grupo Municipal Socialista presentará emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia a través do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE, incidindo especialmente na construción dun Centro de Día. Neste punto, xa son moitas as ocasións nas que as socialistas teñen pedido un centro cunha verdadeira atención integral para as familias vilalbesas que así o precisan, rexeitando que se “intenta camuflar esta demanda con solucións parciais e inservibles tan características do goberno Baamonde”, critica a voceira Elba Veleiro. O grupo socialista con representación no Parlamento galego levará así “as reivindicacións do noso concello” para que a Xunta faga un investimento para o inicio das actuacións, co compromiso de gasto para os seguintes anos.

Así mesmo, a preocupación pola sostibilidade e a conservación do medio ambiente leva aos socialistas a pedir unha partida específica para a primeira fase de construción dunha EDAR. O PSOE vilalbés leva anos poñendo en cuestión a política medio ambiental do goberno local do Partido Popular, denunciando unha e outra vez os verquidos contaminantes da depuradora municipal ao río Madalena “cada vez que caen catro gotas”, recorda Veleiro.

A necesidade dunha maior accesibilidade e melloras na planificación urbanística tamén ocupan ao socialismo vilalbés, que pedirá que a Xunta contemple o financiamento dun ascensor no Centro da Xuventude, así como medidas para humanizar a Praza de Santa María e as rúas da contorna, sen esquecer o adecentamento dos restos da muralla. “Consideramos prioritarias estas actuacións, pois a planificación do urbanismo é un auténtico desastre mentras anuncian a bombo e platillo a rehabilitación de vivendas cunha partida que agochan polo escaso alcance que terá”, subliña Veleiro.

Finalmente, a voceira do PSOE asegura que “Vilalba estará moi presente nas emendas que o socialismo galego fará no Parlamento, esperando que saian adiante e o goberno de Nuñez Feijoo deixe de tratar á veciñanza dos municipios lucenses como cidadáns de segunda”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1703028678894