O PSOE de Vilalba lembra que a obra da avenida Terra Chá aprobouse por acordo unánime de todos os partidos

TerraChaXa
A actuación está suvencionada pola Xunta dentro dun programa específico para a aplicación de solucións baseadas na natureza en espazos urbanos e periurbanos
obras-avenida-terra-cha-vilalba
15 Jan 2026

O Partido Socialista de Vilalba quere poñer en valor o consenso institucional que permitiu sacar adiante o proxecto de instalación dun sistema de sombra na Avenida da Terra Chá, unha actuación estratéxica para a accesibilidade urbana e a adaptación ao cambio climático no noso concello.

"Trátase dunha obra subvencionada pola Xunta de Galicia, dentro dun programa específico para a aplicación de solucións baseadas na natureza en espazos urbanos e periurbanos", explican para lembrar logo que  Vilalba foi, ademais, un dos poucos concellos que conseguiu acceder a esta liña de axudas, froito dun traballo técnico rigoroso e dunha planificación clara.

Para o PSOE a actuación executada permitiu ampliar os espazos naturais de sombra nunha das avenidas máis utilizadas do casco urbano, incorporando plataformas verdes con arborado e bancos. "Antes da intervención existían tramos de varios centos de metros sen ningún espazo de descanso á sombra, o que xeraba importantes barreiras de accesibilidade", engaden.

"Cómpre lembrar que este proxecto foi aprobado por unanimidade no pleno municipal, contando co voto favorable de todos os grupos políticos, incluído o Partido Popular de Vilalba, que naquela sesión recoñeceu que se trataba dunha obra que pode achegar ao sistema urbano", din.

Desde o Partido Socialista de Vilalba non entenden o cambio de postura do Partido Popular, "que agora critica publicamente unha actuación que apoiou expresamente no pleno municipal, coñecendo desde o primeiro momento o seu alcance, a súa localización e as actuacións previstas, incluída a afección sobre determinadas prazas de aparcamento".

Desde o PSOE de Vilalba celebran aquel acordo e aquela visión compartida, convencidos de que os proxectos importantes para a veciñanza deben estar por riba da confrontación política. "Resulta fundamental manter a coherencia e a responsabilidade institucional, especialmente cando falamos de actuacións xa debatidas, coñecidas e aprobadas democraticamente", conclúen.

O Partido Socialista de Vilalba afirma que seguirán traballando "con responsabilidade, coherencia e vontade de acordo, impulsando proxectos que fagan do noso concello un espazo máis accesible e mellor preparado para os retos do futuro".

⚙ Configurar cookies
0.07692813873291