O PSOE de Vilalba organiza unha xornada para falar de urbanismo e accesibilidade
O Partido Socialista de Vilalba organiza unha xornada aberta aos veciños para falar sobre urbanismo e accesibilidade. Terá lugar o vindeiro luns ás 20:00 horas, no Hostal Restaurante Terra Chá. A entrada é totalmente gratuíta.
Esta xornada enmárcase no ciclo de encontros Versión Propia que puxo en marcha a agrupación socialista de Vilalba para falar sobre diferentes temáticas que afectan aos veciños de Vilalba.
Durante a conferencia intervirán a pedagoga e blogueira vilalbesa, Ana Belén Campos; o concelleiro de Urbanismo de Lalín, Nicolás González Casares; o concelleiro de urbanismo das Pontes, Antonio Alonso; e o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso.
A voceira do PSOE, Elba Veleiro destacou que “para os socialistas un dos compromisos cos veciños é a transformación das vilas e das cidades adaptando o seu urbanismo ás persoas. As vilas do século XXI deben ser uns espazos pensados para os cidadáns, sen barreiras para ningún tipo de colectivo, respectuosas co pasado sen renunciar á modernidade do presente. É un dos retos máis importantes ao que nos enfrontamos no noso Concello, por este motivo, ofrecemos esta xornada para debater e coñecer de primeira man a opinión dos veciños e de expertos na materia para conseguir a Vilalba que queremos”.
“Este encontro será o segundo do ciclo de xornadas que organizamos dende o PSOE de Vilalba para tratar temas de interese para os cidadáns e fomentar a súa participación. No primeiro coloquio, que foi un éxito de asistencia, falamos de igualdade e do papel fundamental das mulleres nas vidas familiares, sobre todo no rural. Agardamos ter a mesma afluencia de xente para este xornada”.