O PSOE de Vilalba pide ao alcalde que interveña na situación de desabastecemento do comedor do Basanta Silva
O Grupo Municipal Socialista vén de pedir ao goberno local que tome medidas ante o desabastecemento do comedor escolar do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba. Dada conta da situación que atravesan neste centro, con problemas repetidos debido a carencias na xestión da empresa responsable, Gescor, os socialistas consideran de obrigado cumprimento que o Concello actúe.
En primeiro termo desde o PSOE “preguntámonos se o alcalde e a persoa reprensentante do Concello no instituto saben desta situación, se fixeron algo ou farán para garantir o bo funcionamento do comedor, pois estes problemas repercuten directa e negativamente no alumnado e nas traballadoras que tiveron que buscar solucións pola súa conta”, afirma a voceira dos socialistas, Elba Veleiro. Os déficits na xestión desta empresa “véñense producindo desde o ano pasado”, ademais de que “o propio centro trasladou as queixas en Santiago e son varias as denuncias por irregularidades a esta empresa, segundo afirmou onte o Sindicato Labrego Galego”.
Desde o ámbito autonómico, o Grupo socialista no Parlamento Galego “xa amosou interese polas irregularidades cometidas con anterioridade”, sinala Veleiro, ademais de anunciar que “hoxe mesmo rexistrarán unha iniciativa para que a Xunta obrigue á empresa a prestar o servizo contratado, e de non ser así, se proceda a rescindir o contrato por repetidos incumprimentos”.
Finalmente, o Grupo Socialista no consistorio vilalbés espera que se actúe “de forma urxente”, apelando á responsabilidade do goberno local e da Xunta, pois afirman que “non se pode permitir esta situación nin un día máis”.