O PSOE de Vilalba propón destinar unha partida dos orzamentos para o centro de día

TerraChaXa
O Grupo Municipal Socialista anuncia algunhas das propostas para os orzamentos deste ano ante o retraso que o goberno local presenta un ano máis nesta materia fundamental para o desenvolvemento do Concello.
11 Abr 2018

O Grupo Municipal Socialista anuncia algunhas das propostas para os orzamentos deste ano ante o retraso que o goberno local presenta un ano máis nesta materia fundamental para o desenvolvemento do Concello. O centro de día conforma a principal petición dos socialistas, propoñendo que se destine unha partida de 500.000 euros para a primeira fase e que se traballe na consecución de axudas para a construción “dun centro público en Vilalba, que nada ten que ver cos anuncios da posta en marcha doutras entidades para enganar á veciñanza con parches que están lonxe de cumprir as funcións que unicamente se poderían desenvolver co centro de día que tanto se ten reclamado”, subliña a voceira dos socialistas, Elba Veleiro.

Ademais, desde o Partido Socialista fan outras propostas para tentar buscar as solucións máis axeitadas aos problemas das veciñas e os veciños de Vilalba. Tal é o caso da promoción de axudas á natalidade (60.000 euros) para frear o avellantamento da poboación, a compra de maquinaria de obra para o Concello (tractor de desbroces, 120.000 euros, ou chimpín de obra, 15.000 euros), depuradoras para o Carrizo e O Santo (60.000 euros), ou outras non menos importantes como un ascensor para a biblioteca municipal ou subvencións nominativas para organizacións e asociacións culturais que precisan axudas para cumprir cuns obxectivos que en ocasións se ven frustrados por falta de recursos.

Ante a espera dos orzamentos deste ano polo equipo de goberno, os socialistas adiantan deste xeito algunhas das solucións máis inmediatas “que un Concello como o de Vilalba non debería demorarse en aplicar”, lembrando algunhas das mocións aprobadas en pleno e que aínda non se levaron á práctica como a retransmisión dos plenos ou a accesibilidade de moitas zonas do municipio. “Esperamos que estas e outras proposicións que faremos sexan escoitadas e se tomen en conta por parte do goberno do Partido Popular”, afirmou Veleiro.

0.18709397315979