O PSOE de Vilalba reclama solucións para os estudantes que non poden utilizar a biblioteca polas obras

TerraChaXa
A oposición socialista de Vilalba vén de presentar unha queixa na que solicita solucións para as persoas que seguen sen ter un lugar de estudo debido ás obras que se están realizando na biblioteca.
21 Mar 2019

A oposición socialista de Vilalba vén de presentar unha queixa na que solicita solucións para as persoas que seguen sen ter un lugar de estudo debido ás obras que se están realizando na biblioteca.

Segundo indican Vilalba leva máis de tres meses sen poder empregar os servizos da biblioteca municipal. As persoas que acudían con asiduidade á aula de estudo localizada nestas instalacións non teñen unha alternativa axeitada ás súas necesidades. Así o veñen de subliñar desde o Grupo Municipal Socialista logo de recoller as queixas das persoas usuarias destes servizos. Tralo anuncio das obras para o cumplimento da Lei 10/2014 de accesibilidade, neste caso coa instalación dun ascensor na biblioteca, o edificio leva pechado desde o mes de decembro, propoñendo como alternativa a biblioteca do conservatorio profesional de música, situada na última planta do mesmo.

Segundo a voceira socialista, Elba Veleiro, “ademais da demora nas obras que imposibilita o habitual funcionamento da biblioteca, a alternativa ofrecida para a veciñanza é totalmente insuficiente”, subliña, afirmando que “por unha banda, os horarios restrinxen moito as posibilidades das persoas que empregan agora a aula de estudo do conservatorio, e por outra, as condicións, polo fin mesmo deste lugar de ensinanza musical, non son as máis axeitadas para ler ou estudar”. Ademais, Veleiro incide en que a xestión do goberno municipal “volta ser un fracaso, coincidindo no mesmo espazo ao longo de varias semanas a posibilidade de estudo con ensaios dalgunhas asociacións, e sen ter coñecemento da situación nin as persoas que acuden nin os grupos de ensaio”. Mais non só afecta á aula de estudo, senón tamén á usabilidade do salón de actos, negando a solicitude do mesmo para a celebración dalgún acto por parte de distintas organizacións.

O Grupo Socialista reproba unha vez máis ao alcalde pola perda dunha subvención que Baamonde solicitou á Xunta para o proxecto de “Mellora en accesibilidade da biblioteca
municipal de Vilalba”. O importe total da obra sumaba 71.995 euros, dos cales o Executivo galego financiaría o 70%, é dicir, unha contía de 50.396,50 euros sobre o total, e o Concello o restante, preto de 22.000 euros. “Sumamos unha de tantas subvencións perdidas por non ter executado as obras a tempo, e reprobamos a xestión de Baamonde porque xa non se pode tolerar a desidia coa que gobernan cos cartos de todos e de todas”, zanxa Veleiro.

0.092870950698853