O PSOE de Vilalba solicitará no Pleno o acondicionamento das instalacións da estación de autobuses
Os socialistas de Vilalba critican o escurantismo por parte do Alcalde do PP tras retirar puntos do día e non entregar a documentación solicitada polo Partido Socialista para o Pleno que terá lugar este xoves. En concreto, o Goberno do PP non facilitou en tempo e forma na Comisión de Asuntos do Pleno, como determina a lexislación vixente, os asuntos que se van a tratar na sesión plenaria e continúan sen facelo despois de habelo solicitado.
A voceira municipal do PSOE en Vilalba, Elba Veleiro, denunciou que “por desgraza, estamos acostumados a este tipo de prácticas por parte do Señor Baamonde, que parece levar a cabo o seu máster en escurantismo”.
O PSOE solicita acondicionar as instalacións da estación de autobuses
Os socialistas de Vilalba levarán ao vindeiro Pleno municipal unha proposta para instar á Xunta de Galicia a acondicionar de inmediato as instalacións da estación de autobuses do municipio, así como dos espazos comúns e das oficinas e departamentos que nela se atopan. Ademais, pedirán a convocatoria da Comisión de Urbanismo para o estudo da solicitude de cesión das instalacións para fins asociativos ou comerciais.
Os socialistas critican que actualmente, 27 anos despois da súa inauguración, a situación da estación de autobuses é de total abandono, con problemas de limpeza en zonas comúns, cristais rotos, oficinas empregadas como almacén de refugallo, entre outros inconvenientes, dando unha imaxe deplorable e de deixadez absoluta do Concello.
Veleiro denunciou que “hai xa uns anos que a estación está inmersa nun declive continuado, abandonada por parte do PP no Goberno Autonómico que decidiu non facer ningunha renovación das instalacións. Isto provocou que comerciantes tiveran que pechar os seus negocios ou ben trasladarse a outras zonas da vila, debido á carencia de actividade da mesma. A veciñanza e os nosos visitantes non merecen sufrir as consecuencias da mala xestión por parte da Xunta de Galicia, evidenciando a descoordinación e a falta de entendemento entre a Administración Autonómica e o Goberno Local. É hora de que o PP asuma as súas responsabilidade e se comprometa cos intereses dos veciños e veciñas”.
Creación dun censo de persoas maiores que viven soas
O PSOE de Vilalba levará ao pleno unha moción para que se elabore, de xeito urxente, un censo de persoas maiores de 65 anos que viven soas no municipio. Unha vez que se dispoñan deses datos, o Partido Socialista demanda a creación dun plan de axudas, co fin de deseñar e implementar as accións precisas para mellorar a cobertura social destas persoas “ante a situación de vulnerabilidade, desigualdade e desvantaxe na que se atopan”.
Máis propostas do PSOE
Os socialistas levarán varios rogos e preguntas ao Pleno do Concello para mellorar os servizos públicos e satisfacer as necesidades dos veciños. En concreto, solicitarán a dotación dun aparcadoiro nas inmediacións da rúa Cuart de Poblet, onde se sitúan os colexios, ante os graves problemas de seguridade vial, así como o seguemento exhaustivo do servizo de comedor do IES Basanta Silva ante os graves problemas de desabastecemento do servizo.
O Grupo Municipal Socialista pedirá ao Goberno do PP que incremente a aportación económica destinada ó MUPAV (Museo da Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba) e que se acometa a limpeza do patio interior e as obras necesarias para eliminar as filtracións de auga. Ademais, os socialistas esixirán a inmediata reposición da cuberta do alcantarillado na rúa Tras do Poxigo, a sinalización oportuna da rúa Plácido Peña e aumentar a frecuencia do servizo de recollida de lixo nas parroquias do Concello.