O PSOE de Vilalba urxe o fin dos verquidos ao río Madalena
O Grupo Municipal Socialista urxe ao alcalde que tome medidas para rematar cos verquidos contaminantes da depuradora municipal ao río Madalena, logo de observar o estado no que se atopa parte deste caudal polas choivas dos últimos días. Os socialistas presentaron en multitude de ocasións iniciativas coa intención de poñer fin á situación que “se repite cada vez que caen catro gotas”, mais o equipo de goberno popular rexeitou cada unha das propostas “cun desprezo absoluto á conservación ambiental e á sostibilidade dos ecosistemas”.
Ademais, desde o PSOE inciden en que os verquidos estanse a producir nun cauce enmarcado na ZEC (zona de especial conservación) da Rede Natura 2000 “Parga-Ladra-Támoga), dentro da reserva da biosfera Terras do Miño. Neste senso sinalan a desidia de Agustín Baamonde, “que mira unha e outra vez cara outro lado sen definir un proxecto sostible para o noso Concello”, critican os socialistas, engadindo que “estamos cansos de chegar tarde a todos os trens que impliquen desenvolvemento sostible e futuro para esta e as vindeiras xeracións”.
Por mor desta irresponsabilidade, o Grupo Socialista advirte que se seguen a producirse estes danos “consideraremos o feito de poñer en coñecemento das autoridades competentes esta situación, non aceptamos a excusa das choivas, pois os filtros para grosos, o desbaste e a tamización da EDAR teñen a función de impedir a chegada de sólidos aos tanques e, polo tanto, nunca deberían ter chegado ao río”.