O PSOE defende o aumento de axudas da nova PAC
O deputado lucense e Vicepresidente Primeiro da Comisión de Agricultura, Pesca e Alimentación do Congreso dos Deputados, Javier Cerqueiro dixo hoxe que “o proxecto da PAC que defende o Goberno de Pedro Sánchez e o Ministro Planas, vai ser fundamental para Galicia e para os agricultores e gandeiros que realmente dependen da agricultura en todo o país. Con este proxecto defendemos como xusto e razoable que dúas persoas que cultivan o mesmo na mesma zona e nas mesmas condicións reciban a mesma axuda por hectárea”.
Cerqueiro explicou que a Reforma da PAC, “que entrou en vigor en 2015, estableceu a obrigación de poñer fin aos privilexios históricos. A converxencia cara ao valor medio de axuda de cada Comunidade é inexorable e canto máis perdure a discriminación máis desequilibrio e prexuízo xera. O 56% dos beneficiarios de axudas PAC de España verán incrementadas a súa axuda por hectárea. En calquera caso as modificacións son moi limitadas, por baixo do 10% na maioría dos casos”.
Así as cousas, subliña que “este novo modelo de Política Agraria Común está orientado cara a explotación familiar agraria, co fin de facilitar a incorporación de mozas ao campo, un modelo que evitará que se siga perdendo activo agrario, en definitiva, aquel modelo que garantiu que coa chegada da pandemia, puidese haber alimentos nas tendas e nas grandes superficies, pois non hai agricultura sen agricultores”.
O Deputado lucense sinalou que o modelo que defende o Ministro Planas “pasa por unha nova PAC que resultará fundamental para a incorporación de mozas que queren dedicarse ao campo, e que ademais garantirá a viabilidade para que se poida vivir da agricultura traballando”.
Cerqueiro puntualizou que “a idea desta nova PAC beneficiará aos pequenos e medianos agricultores de todo o país, xa que toma como referencia a explotación familiar agraria, e garantirá que ninguén quede atrás. Polo tanto non é unha PAC territorial, senón que toma como referencia as persoas. É unha PAC social, económica e medioambientalmente sostible, non só é beneficiosa para os agricultores senón tamén para os consumidores”, avanzou.
DATOS EN GALICIA
“Agora mesmo estamos traballando e facendo o que se nos está aconsellando desde Europa”, insistiu o deputado. Por último aludiu a aprobación esta mesma semana do real decreto que dará continuidade ás axudas da PAC, “esta norma asegura un marco estable para que agricultores e gandeiros poidan percibir 7.200 millóns de euros en cada ano (2021 e 2022), ata a entrada en vigor da nova PAC”, resumiu.
Galicia recibiu no exercicio 2019 un total de 336 millóns de euros de fondos europeos da PAC que percibiron 28.894 beneficiarios, o que supuxo un 4,9 % do importe total de España.
11.337 beneficiarios de axudas directas na provincia de Lugo
Na pasada campaña 2019-2020 da PAC segundo os datos oficiais na nosa provincia houbo un total de 11.337 beneficiarios destas axudas directas, o que supuxo un montante económico de 82.941.626 euros, que contribuíron na mellora da produtividade agrícola de Galicia.