O PSdeG denuncia o colapso nos hospitais galegos "froito de anos de recortes"

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, insistiu en denunciar a “grave situación” que atravesa a sanidade pública en Galicia
medico sergas sanidade
Imaxe recurso
13 Ago 2024

O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, insistiu en denunciar a “grave situación” que atravesa a sanidade pública en Galicia, sinalando directamente á xestión do Partido Popular na Xunta como responsable desta situación. Torrado afirmou que “a sanidade galega está a vivir un caos sen precedentes, froito de anos de recortes e abandono por parte do Goberno autonómico, unha situación que empeorou nos meses de verán, con pacientes durmindo nos corredores por falta de camas e centros de saúde que carecen de profesionais para atender aos veciños e veciñas”.

Durante a súa intervención na sede dos socialistas galegos, Torrado proporcionou varios exemplos que ilustran a gravidade da situación que se está vivindo agora mesmo en hospitais e centros de saúde de diferentes concellos. “En Santiago de Compostela, a situación no hospital provincial é insostible, sen aire acondicionado a pesar das altas temperaturas -puxeron ventiladores pola protesta das familias dos pacientes-; en Pontevedra, as urxencias están ao bordo do colapso con esperas de máis de 12 horas para unha cama e en lugares como Zas, Muxía, Fisterra, Cangas, Moraña, Coles, Burela ou Viveiro non hai especialistas, o que obriga aos pacientes para percorrer longas distancias para acceder a tratamentos esenciais”.

Neste sentido, o portavoz socialista Julio Torrado criticou duramente a actitude do conselleiro sinalando que, a diferenza do seu predecesor, quen polo menos tentaba dar explicacións, aínda que non fosen satisfactorias, o actual optou por “desaparecer no peor Momento”. “É inadmisible que, en plena crise sanitaria, cando os nosos hospitais e centros de saúde están desbordados, o conselleiro desapareza. Para o portavoz do PSdeG, esta actitude reflicte unha “absoluta falta de compromiso e responsabilidade”. Torrado subliñou que a ausencia do conselleiro non só agrava a percepción de desamparo entre os profesionais sanitarios, senón que tamén deixa ao descuberto a falta dun plan de continxencia por parte do Goberno autonómico”.

A Xunta asegura que a asistencia sanitaria está blindada

Pola súa parte, a Xunta insta ao PSdeG deixar de mentir sobre a situación da sanidade en Galicia porque a asistencia sanitaria de calidade está blindada para toda a poboación. Sinalan que o PSdeG actúa de forma moi irresponsable ao verter afirmacións que están lonxe da realidad, tratando de xerar un alarmismo inxustificado. O seu proceder representa, ademais, unha falta de respecto aos profesionais que están a garantir a atención sanitaria durante este verán.

O Executivo autonómico remarca que todos os galegos teñen asistencia sanitaria garantida no verán grazas ao Plan de cobertura posto en marcha pola Xunta. Se o PSdeG quere, aseguran, contribuír a mellorar a situación da sanidade pública, debe abandonar a súa visión deformada da realidade  e as descualificacións persoais e pedirlle ao Goberno de España que dirixe Pedro Sánchez que adopte as medidas estruturais necesarias para facilitar o incremento de persoal sanitario dispoñible.

Lembran que a Xunta tivo que realizar este verán un maior esforzo de planificación e investimento que permite garantir a asistencia sanitaria de calidade a todos os cidadáns. Grazas ás medidas de reforzo implementadas e á implicación dos profesionais, en todas as áreas sanitarias se está levando o verán con relativa tranquilidade respecto a outros anos, o que demostra a efectividade do plan posto en marcha polo Goberno galego.

O plan de cobertura no período estival da Xunta recolle un investimento de 12,5 millóns de euros e unha serie de medidas, ordinarias e extraordinarias: unha bolsa de voluntarios para a cobertura dos Puntos de Atención Continuada; o programa especial de apoio á atención primaria por parte do persoal do 061; a oferta de mobilidade temporal e voluntaria cara a aqueles centros que precisen reforzos; e a encomenda de funcións aos médicos residentes de cuarto curso, para que poidan axudar no verán de xeito voluntario, incentivado e baixo supervisión.

Así reforzáronse os centros de saúde, os PAC e urxencias hospitalarias con 111 médicos residentes, 104 de medicina familiar e comunitaria e 7 de pediatría, que se sumaron á encomenda realizada polo Servizo Galego de Saúde nos últimos meses da súa formación. Tamén na bolsa de voluntarios aberta para o reforzo das coberturas hai agora mesmo anotados arredor de 300 profesionais. A Xunta agradece a implicación dos médicos, dos médicos residentes e dos profesionais de todas as categorías, que se teñen posto á disposición de forma voluntaria para facilitar a cobertura e garantir unha asistencia sanitaria de calidade.

0.17255902290344