O PSOE de Vilalba propón melloras na Biblioteca e sinala unha liña de axudas da Xunta

TerraChaXa
O Grupo Municipal Socialista vén de facer unha proposta ao goberno local para que solicite a subvención anunciada pola Consellería de Cultura e Turismo para o equipamento e mellora das instalacións e locais culturais, como é o caso da Biblioteca Municipal.
14 Feb 2019

O Grupo Municipal Socialista vén de facer unha proposta ao goberno local para que solicite a subvención anunciada pola Consellería de Cultura e Turismo para o equipamento e mellora das instalacións e locais culturais, como é o caso da Biblioteca Municipal. Os socialistas consideran que se podería facer unha mellora moito máis ampla este ano, aproveitando as obras para a incorporación do ascensor. Neste senso, tal e como indica a orde, as axudas contribuirían á mellora do equipamento e mobiliario, obras de reforma, ampliación, modernización, así como a adquisición de materiais técnicos ou adecuación ás novas tecnoloxías.

Desde o PSOE incitan ao equipo de goberno a que solicite esta axuda, con contía máxima de ata 30.000 euros, que contempla na propia convocatoria “inversión en bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais”. En palabras da voceira dos socialistas, Elba Veleiro, “este investimento poderíase destinar a melloras no mobiliario do edificio da biblioteca, aproveitando esta oportunidade para, ademais de eliminar barreiras arquitectónicas coas obras actuais, facer da biblioteca un espazo con máis recursos para todas as persoas que empregan este servizo”. Porén, critican que despois dun mes, “aínda non se nos aportou a documentación que pedimos no que atinxe á subvención do ascensor, ademais de que as obras que ían ser para un mes xa levan o dobre e o edificio segue pechado”.

A oposición socialista subliña que esta podería ser “a ocasión perfecta para dar pulo ao fomento da lectura, abrir a biblioteca, e por tanto a cultura, a persoas de todas a idades e condicións, e programar actividades neste senso”. Tamén trasladaron a necesidade de aproveitar para un maior uso e de máis calidade o salón de actos, “olvidado para o Concello salvo contadas excepcións”.

Nesta liña, as e os socialistas fixeron especial fincapé en habilitar aulas de estudo “que as persoas, nomeadamente mocidade, foron abandonando pouco a pouco pola falta de servizos, horarios cada vez máis limitados, e escaso interese por parte do goberno local do Partido Popular”. O Grupo Socialista considera tamén imprescidible ter unha planificación específica para xuventude e atender as súas demandas, polo que tamén piden que o goberno de Baamonde estude posibilidades nesta área.

Mais tamén fan outra proposta ao goberno popular de Vilalba, pois a Consellería de Política Social vén de anunciar a comezos deste mes unha liña de axudas enmarcadas no programa “Iniciativa Joven”, para o financiamento e posta en marcha de proxectos da man de grupos xuvenís. “Pensamos que o Partido Popular ten totalmente olvidada á mocidade vilalbesa, acordándose dela exclusivamente para eventos festivos, sen aproveitar o seu talento, sen apoiar proxectos de futuro, e en definitiva, relegándoos a un posto de cidadáns de segunda”, zanxan desde o Partido Socialista.

0.1271378993988