O PSOE e Muras denuncia "artimañas" do alcalde para tapar a súa mala xestión

TerraChaXa
A agrupación socialista de Muras denunciou este mércores “as artimañas” do alcalde para tapar a súa mala xestión.
9 May 2024

A agrupación socialista de Muras denunciou este mércores “as artimañas” do alcalde para tapar a súa mala xestión. A voceira do PSdeG explicou que o rexedor vén de convocar un Pleno extraordinario para tratar de aprobar un recoñecemento extraxudicial de crédito con reparo suspensivo de legalidade, que foi rexeitado no pasado pleno ordinario do mes de abril –que se celebrou hai xusto 15 días- cos votos en contra do PSOE e do PP.

“Non chego a entender a que está a xogar o alcalde”, criticou a voceira socialista do PSdeG de Muras, Jennifer Gómez. “Os socialistas votamos en contra desta modificación e suplemento de crédito co que o Concello quere pagar un paquete de facturas, poñendo en marcha mecanismos correctores que non respectan a tramitación correspondente”, engadiu. Segundo explicou Gómez, “eses contratos deberían estar sacados á licitación porque son facturas que se están dando mensualmente no Concello, como pode ser o contrato da xestión da recollida de lixo municipal, ou o da empresa que leva o mantemento eléctrico no municipio”. Ademais, a socialista apuntou o informe “desfavorable” da secretaria, sinalando que o rexedor emprega como mecanismo habitual esta forma de pago para contratos e subvencións encubertas.

Explican os socialistas que “o alcalde pretende levar este asunto a Pleno, en diferentes días, coa esperanza de que falle alguén da oposición e ter así a maioría que non lle deu a veciñanza”. Gómez explicou que “non é a primeira vez que cambia as sesións plenarias de datas e de horarios, sen contar coa oposición e de forma improvisada. El di que é libre de facelo, pero o certo é que non teñen maioría absoluta, é unha deslealdade á oposición e sen dúbida estas prácticas afectan á calidade democrática”.

A voceira do PSdeG en Muras sinalou que o alcalde citou á oposición por separado a semana pasada para tratar de cambiar o sentido do seu voto. “Non sabemos que resultou das conversas do PP, pero o certo é que agora volve levar este asunto a un Pleno que convoca de forma extraordinaria. Nós desde logo manteremos a nosa postura, porque non estamos dispostos a que neste Concello se siga gobernando a base de decretos. Aínda non hai orzamentos aprobados e a veciñanza non merece, nin votou, un alcalde de ordeno e mando”.

0.11153888702393