O PSOE enche de preguntas e mocións o Pleno de Cospeito

TerraChaXa
O partido socialista levou ao Pleno do luns unha serie de mocións e varias preguntas como únicos puntos da orde do día.
grupo municipal psoe cospeito
23 Xan 2024

O partido socialista levou ao Pleno do luns unha serie de mocións e varias preguntas como únicos puntos da orde do día. Así, presentou unha primeira na que pedía un acordo plenario para aprobar unha declaración de Non á guerra, en referencia tanto á guerra de Gaza como a de Ucraína. "Solicitamos que todo colectivo, goberno ou persoa capacitada para influír nestes dous conflitos bélicos actúe, interveña e procure o cesamento dos mesmos e o restablecemento da paz", dicían na súa moción. Esta foi rexeita porque o alcalde avanzou que se fará unha declaración institucional, que se pasará proximamente para a súa firma por parte dos conselleiros.

Noutra orde de cousas, tamén propuxeron unha serie de medidas para impulsar o uso do galego, como unha edición anual de cantos de taberna, a proxección de películas en galego nas dúas casas da cultura e que se compre material de lectura destinado aos menores de 12 anos de forma gratuíta. Esta foi transformada en rogo, porque o alcalde avanzou que xa tiñan previsto facer iniciativas deste estilo.

Así mesmo presentaron unha terceira moción na que propoñen un programa de almorzos saudables gratuítos nos establecementos de restauración da Feira do Monte e Muimenta, financiado polo Concello, para aquelas persoas menores de 12 anos e maiores de 65 que acudan aos centros de saúde, establecendo unha contía máxima de 5 euros por almorzo. Esta moción votouse en contra porque consideran que é complicado levar adiante esta iniciativa.

Daniel Irimia, responsable do PSOE no concello, indicou que "existe un desinterese do goberno local por incentivar o comercio local". Ademais fixo un chamamento á situación dos centros de saúde asegurando que "loitaremos porque se manteñan sempre os médicos no centro de saúde de Feira do Monte que corre o risco de ser anulado porque os médicos xubiláronse ou están en proceso". Este tema foi tratado tamén nunha das preguntas, nas que reclaman ao Concello que se involucre no mantemento das prazas médicas.

Na quenda de preguntas, o PSOE referiuse á falta de alumeado no barrio do Carboeiro, en Santa Cristina, ao tramo de estrada entre as parroquias de Goá, Roás e Santa Cristina ou sobre a traída de auga en Xermar. Para rematar pedindo información de novo sobre o estado no que se atopa a elaboración do PXOM.

Reclamaron tamén datos sobre o estado do futuro complexo residencial, o plan de mellora de camiños ou a cuberta exterior do CPI Virxe do Monte, así como do accespo a internet con fibra óptica.

Remataron cun rogo para que se actualicen os membros da actual corporación na páxina web do Concello de Cospeito; "cuestión que debera realizarse ao inicio da lexislatura co fin de atender á realidade veraz da representación municipal".

0.17429494857788