O PSOE galego acusa ao PP de non ter apoiado a Alcoa e de esixírlle agora medidas a un Goberno en funcións

TerraChaXa | LugoXa
13 sep 2019

A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, a burelesa Patricia Otero, criticou hoxe o “cinismo político do PP” con relación á planta de Alcoa en San Cibrao, xa que “esixen solucións urxentes cando nada fixeron cando estiveron no goberno central”. Otero presentou unha emenda a unha proposta sobre a planta para reclamarlle á Xunta unha mesa de diálogo para acadar o reinicio da actividade e garantías para o emprego na planta, que o BNG impediu incluír nesta iniciativa que foi aprobada co voto a favor dos socialistas.

Otero advertiu que o PP estalle a “esixirlle ao goberno central en funcións que incumpra a Lei” aprobando o estatuto do consumidor electrointensivo, que “non é posible” por ir en contra da lexislación e da xurisprudencia. Esixiulle a este partido e ao goberno galego “seriedade e que non enganen aos traballadores” coa única intención de “poñer paus nas rodas e utilizar esta situación só para buscar confrontación co goberno central”.

Sinalou que “coincidimos en que é prioritario aprobar o Estatuto”, e que a pesares da dificultade legal deste trámite, “o goberno de Pedro Sánchez foi quen de atopar unha solución para as plantas de A Coruña e Avilés, que de non ser así hoxe estarían pechadas”. Lembrou que foi o goberno de Sánchez o que aprobou o decreto urxente para aprobar o impulso da competitividade industrial, e incrementou as axudas para compensación dos custes indirectos de CO2.

Mentres, dixo, “a inactividade da Xunta de Galicia impediu desenrolar en Galicia unha política industrial que permitise paliar o declive industrial”, ata que Galicia sexa a autonomía co “peor comportamento na produción industrial no que levamos de ano”. Reclamou por iso “unha maior implicación da Xunta de Galicia no impulso da política industrial”.

Os socialistas presentaron unha emenda para reclamarlle á Xunta que configure unha mesa de negociación con Alcoa e o Comité de Empresa de San Cibrao para esixirlle a activación das cubas suspendidas e garantir o emprego e a actividade industrial mentres dure a situación actual. Ademais, reclamou o impulso dunha Mesa da industria Galega para conformar un pacto polo futuro da industria galega que será desenvolvido pola Xunta.

Ademais, reclamoulle ao goberno central a elaboración e aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo en canto sexa posible, a planificación dunha regulación estable que permita prezos competitivos, e que incorpore o papel produtor de Galicia de cara ao “resarcimento polos custes ambientais e sociais de apoiar á xeneración”.

0.14583611488342