O PSOE insta á Xunta a intensificar as campañas contra a vespa velutina
O portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, instou hoxe á Xunta a intensificar as campañas de erradicación da vespa velutina, logo de constatar o avance da especie en Galicia. No debate dunha pregunta oral en Comisión, sinalou que a vespa asiática xa está presente en 3 de cada 4 concellos galegos, e supón o 20 por cento das chamadas telefónicas ao 112.
O responsable socialista urxiu a tomar medidas eficaces contra esta especie que está a asentarse nas zonas urbanas, co risco de picaduras e o dano contra o medio ambiente e a produción apícola de Galicia, xa que se trata dun insecto agresivo gran depredador de abellas.
Pérez Seco reclamoulle ao goberno galego que explique as técnicas escollidas para erradicar á velutina, e lembrou que o método máis utilizado, o do veleno como insecticida, resulta moi agresivo contra o medio ambiente galego, resulta moi custoso e non pode ser empregado preto de recursos hídricos.
Advertiu ademais que moitos veciños nos concellos pequenos renuncian a chamar ao teléfono de emerxencias 112, optando polo servizo “máis rápido e eficaz” que lles prestan as asociacións “a través dos seus asociados ou persoal dos concellos”.
Seguros agrarios
Por outra parte, presentou unha pregunta oral na que reclamoulle ao goberno galego que tome as medidas necesarias para actualizar os seguros agrarios, alertando da “falla de adecuación das características técnicas dos seguros á realidade produtiva e da estrutura da propiedade do sector primario galego”.
Sinalou que “para ser eficaz debe estar en continuo proceso de evolución para adaptarse ás necesidades do sector, ao igual que están a facer os labregos e gandeiros” xa que “sen esa adaptación a cobertura, seguridade e tranquilidade que deben proporcionarlles perden efectividade e sentido”.
Puxo como exemplo desta falla de eficacia as xeadas de finais do mes de abril de 2017, nas que se puxo de manifesto que menos do 20 por cento dos viticultores das denominacións de orixe afectadas dispuñan dalgún tipo de seguro pola súa ineficacia e por ser inadecuados á realidade das explotacións galegas.