O PSOE insta ao Parlamento a abrir o servizo de Hemodinámica as 24 horas

TerraChaXa | LugoXa
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, urxiu ao conselleiro de sanidade a abrir o servizo de Hemodinámica as 24 horas tamén en Lugo e Ourense, tal e como fan en A Coruña e Vigo.
20 Xuño 2018

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, urxiu ao conselleiro de sanidade a abrir o servizo de Hemodinámica as 24 horas tamén en Lugo e Ourense, tal e como fan en A Coruña e Vigo. Así o dixo no debate dunha interpelación na que tamén reclamou a designación dunha ambulancia medicalizada –UVI móbil- para O Salnés.

O responsable socialista urxiu ao conselleiro de Sanidade a tomar estas medidas que “terminaranse facendo porque son necesarias e racionais” e reclamoulle que “escolla se quere estar vostede na solución ou permanecer no problema”. Explicou a urxencia de abrir o servizo de Hemodinámica durante as 24 horas cando o 30 por cento dos infartos se rexistran entre as 06,00 e as 10,00 da mañá.

Lembrou a importancia “fundamental” do tempo de atención para estas doenzas, que “cando atopan o servizo pechado teñen que trasladar aos pacientes dende Lugo e Ourense ás provincias veciñas”. Acusou ao goberno galego de “agochar” os datos do rexistro de infartados de Galicia porque “saben que nos da a razón, que é fundamental abrir as 24 horas e por algunha razón non queren facelo”.

Julio Torrado reclamou ademais que o goberno galego “faga caso aos profesionais” e habilite unha ambulancia medicalizada no Salnés, xa que resulta “imprescindible” e é “obvio e necesario que a necesitamos” xa que neste momento “a atención aos infartados resulta deficiente porque non temos este medio.

O responsable socialista sinalou que o custe da ambulancia, de 600.000 euros, é “exactamente o que gasta o Sergas en sacerdotes ao ano” e instou ao conselleiro a escoller “que prefire, unha ambulancia ou un cura, eu desde logo se tivera un infarto preferiría un médico que un cura”, apostillou.

Finalmente, lembrou a necesidade de atender aos expertos en cardioloxía que recomendan trasladar aos pacientes infartados dende o Salnés a Compostela en lugar de dirixilos a Vigo, que está “máis lonxe en distancia e en tempo”. Criticou que o Sergas determine os traslados “con criterios de dispoñibilidade de ambulancias, o que demostra que mentes nós priorizamos a atención aos enfermos e vostedes priorizan ás ambulancias”.

 

0.19111490249634