O PSOE de Cospeito leva a Pleno unha proposta para o coidado das vilas e parroquias
As mocións e as preguntas do PSOE volverán a encher de contido un Pleno ordinario en Cospeito no que só figura un punto na orde do día, un reparo de Intervención derivado de 113 facturas (por un importe total de 104.317,38 euros) que quedaron sen pagar porque non había crédito suficiente no Orzamento de 2024 e proponse imputalas ás contas de 2025.
Os socialistas criticaron esta medida, ao preguntar "como se poden gastar 1380 euros en 46 cocidos nun simple día e despois dicirlle aos veciños que non hai cartos para contedores. Ou tumbar a proposta de almorzos saudables que nosoutros levamos a Pleno o pasado ano".
O PSOE, que acusa unha "xestión nefasta, na que non se dá pagado aos provedores no ano en curso", presentou unha moción na que reclama un coidado das vilas e das parroquias. Para iso propón construír unha base de cemento e unha armazón de madeira onde se agrupen os contedores das parroquias, "contribuíndo así a mellorar o impacto visual dos mesmos, é dicir, a poñer curiosa a zona, a facilitar o traballo dos operarios e a evitar que se verta ou se estenda o lixo como consecuencia dos temporais que tiran os propios contedores ou mesmo de animais".
Tamén aposta por repoñer a sinalización das nosas vilas e parroquias naquelas que presentan ilexible ou deteriorada a propia placa que amosa o topónimo, substituír as magnolias das beirarrúas da Feira do Monte por outra árbore de menor porte e vigor, deixar o espazo suficiente para as novas árbores, arranxar as beirarrúas, limpar e retirar as herbas das mesmas, repintar os farois e repoñer os ausentes e arranxar as macetas.
Tamén presentou dúas preguntas, na primeira figura a intención de asfaltar o barrio do Sanguido en Xermar, o de Guldeiros en Pino, o de Vilouriz en Seixas e o de Trabazos en Momán, sobre os que xa preguntou noutros plenos. Tamén piden información sobre o estado no que está a biblioteca na Casa da Cultura e a súa dispoñibilidade para a veciñanza.
Pechan a súa participación con dous rogos, que se poña especial atención nas estradas na reparación dos danos do temporal e que se actualice con maior frecuencia a web municipal.