O PSOE leva ao Parlamento a contratación da muller do alcalde de Riotorto
A Secretaria Provincial do PSdeG e Deputada Autonómica, Patricia Otero, acompañada dos Concelleiros Socialistas de Riotorto, José García e Francisco Fernández, anunciou diante do Concello, que reclamará ao Goberno de Feijóo, a través dunha iniciativa no Parlamento de Galicia, que aclare o procedemento do proceso selectivo da contratación dunha praza de administrativa neste concello. Unha convocatoria na que só houbo dúas aspirantes, e conseguiu a praza a muller do alcalde de Riotorto.
A dirixente socialista pregúntalle á Elena Candia “si ampara este tipo de procedementos selectivos do alcalde de Riotorto”. E puntualiza “parécenos moi sorprendente que só se presentaran dúas persoas a esta convocatoria, cando os únicos requisitos que se requirían neste proceso era estar en posesión do titulo de EXB”, entre outros. Ademais sinala que “nunha situación excepcional como a que estamos a vivir, non é comprensible que para unha praza destas características non se publicitara nin no BOP, nin nas redes sociais do propio Concello”, replica.
“Tal e como aparece nas bases da convocatoria que rexen este proceso selectivo é o propio Alcalde quen asina estas bases, na que saíu seleccionada á súa propia muller”, advirten o voceiro Socialista de Riotorto, Jose García. Así as cousas denuncia que “o alcalde de Riotorto, a día de hoxe non dixo ni mu para explicar o proceso desta contratación da súa muller no Concello. Por iso pedimos que dende a súa responsabilidade política dea a cara diante dos seus veciños e veciñas. Todo este procedemento esta cheo dunha falla de ética sen precedentes na historia desta vila”, denunciou.
Sen copia dos exames nin das actas
O Grupo Socialista de Riotorto foi convocado hoxe, xoves día 5 de novembro, para recoller nas dependencias municipais, parte da copia dos expedientes da contratación das 3 prazas, que se corresponden cunha praza de albanel, outra de xardineiro e unha praza de administrativa, seleccionadas a través do Plan Depuemprego da Deputación. Os concelleiros puideron acceder a ler ás actas do tribunal, pero non se lles facilitou copia da mesma, nin tampouco dos exames. A documentación que se lles entregou era un total de 17 folios nos que se incluían as bases da convocatoria, correos entre o tribunal sobre as bases e certificados da publicación no tablon dixital do concello, entre outros.
Acceso á documentación 30 días despois de solicitalo
Hai que lembrar que este proceso comezou o dia 1 de outubro cando o Grupo Socialista comprobou nas propias dependencias municipais que a muller do Alcalde ocupaba unha praza de administrativo no Concello. O día 5 de outubro rexistraron un escrito no Rexistro para coñecer o proceso de contratación deste novo posto de traballo. Transcorrido o prazo que marca a lexislación de 5 días naturais para resolver este expediente e ao non ter resposta, o Grupo Socialista volveu a rexistrar outra petición no Rexistro do Concello o pasado 27 de outubro para acceder a este expediente, polo que foron convocados a revisar a documentación hoxe, concretamente 30 días despois de solicitalo.