O PSOE leva ao Pleno da Deputación o cambio de modelo de tramitación do canon eólico

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Grupo Provincial socialista reclamará a través dunha moción que o Goberno galego estableza un modelo de tributación por potencia, en vez de por muíño; que defina a participación dos concellos costeiros nos beneficios da eólica mariña; e que a recadación íntegra se destine a melloras nos territorios afectados polos parques.
sotave to parque eolico
25 sep 2023

O Grupo Provincial socialista reclamará a través dunha moción que o Goberno galego estableza un modelo de tributación por potencia, en vez de por muíño; que defina a participación dos concellos costeiros nos beneficios da eólica mariña; e que a recadación íntegra se destine a melloras nos territorios afectados polos parques. O PP centrarase no turismo e no coidado aos maiores.

O Grupo Provincial Socialista levará ao vindeiro Pleno da Deputación de Lugo, que se celebrará mañá martes, unha moción esixindo á Xunta de Galicia que modifique o modelo de tributación do canon eólico, pasando a fixalo por potencia en lugar de por muíño. Na iniciativa plenaria que defenderán os socialistas reclamarán tamén que o Goberno galego defina a participación dos concellos costeiros nos beneficios da eólica mariña; e que estableza que a recadación íntegra do actual canon eólico e do futuro canon da eólica mariña se destine a melloras nos concellos e nas comunidades locais afectadas pola instalación dos parques.

“Os concellos acollen o impacto das obras e neles aséntanse as infraestruturas que fan posible o aproveitamento das enerxías limpas”, explican os socialistas, que ao tempo denuncian que precisamente os concellos “seguen a ser os grandes esquecidos no desenvolvemento do sector”, recibindo “mal pago da Xunta”.

Aseguran desde o PSdeG que, segundo os datos do Consello Económico e Social, o Goberno galego recada de media uns 22M€ anuais polo concepto do canon eólico; e que no ano 2021 puxo a disposición dos concellos 6M€, apenas un 27% do recadado; “no caso dos concellos da provincia, a cantidade percibida apenas é de 2,6M€, un 11% da recadación total da Xunta”.

Lamentan desde o Grupo Provincial Socialista “a torpeza da Xunta fixando o canon eólico en función do número de muíños dos parques” porque prexudica aos concellos. O desenvolvemento técnico e a repotenciación dos muíños fai que as empresas estean a reducir o seu número, unha circunstancia que fai baixar tamén a recadación por este concepto “nun momento no que os concellos precisan mellorar as súas facendas locais”.

Sinalan dende o PSdeG que o anteproxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia contempla a creación dun canon que gravaría á eólica mariña en función da potencia dos cables que conecten as plataformas coas estacións en terra, aplicando nestes caso un canon de criterio diferente ao que segue en vigor na eólica terrestre. Denuncian que a Xunta non ten explicado como afectará a nova lei á actual lexislación vixente, ou se vai aproveitar para gravar tamén os parques eólicos en función da potencia.

Os socialistas valoran que o anteproxecto fala de aplicar os beneficios do canon eólico mariño ao sector pesqueiro e aos concellos costeiros afectados pola actividade, pero sen precisar esa participación. “Moito tememos que a Xunta queira minimizar os ingresos que perciben os concellos, como fai actualmente co canon eólico, incumprindo a propia lexislación de 2009 que fala de achegar aos concellos o 50% do recadado”, lamentan.

Destaca ademais o PSdeG a súa aposta polas enerxías renovables, “un eido no que a nosa provincia pode ser un referente” e sinalan que o desenvolvemento eólico ten que pasar por un marco legal claro, que contemple as necesidades das empresas, a protección ambiental, “e que aposte por regular e incrementar o retorno económico que perciben os concellos”.

O PP defenderá iniciativas para potenciar o turismo e o coidado aos maiores

O Partido Popular defenderá no pleno que se celebrará na xornada de mañá iniciativas para potenciar o turismo e o coidado aos maiores.

O Grupo Provincial Popular pide ao goberno provincial que se recupere o proxecto da vía turística que une Paradela e O Saviñao, acompañada dunha senda ciclista e peonil, dado o crecente interese que hai polo turismo de experiencias na natureza e polo turismo activo no interior, axudando así á consolidación da Ribeira Sacra como destino turístico.

Os populares defenderán que a Deputación impulse a residencia de maiores de Cervantes e a desenvolva na antiga escola fogar de San Román xa que se trata dunha localización idónea e conta coa posibilidade de ofrecer tódolos servizos necesarios para crear o centro de atención ás persoas maiores.

Os deputados populares pedirán explicacións a Tomé para que cumpra co Concello de Xove o acordado co anterior goberno da Deputación para pasar a titularidade das vías provinciais ao municipio, unha proposta que debería de ser ben recibida xa que no goberno provincial sempre se están queixando de que teñen que xestionar a rede de estradas máis extensa de España e, así, reducirían o número de quilómetros a manter.

Dende o PP tamén preguntarán cando ten previsto o goberno provincial dar solución ás deficiencias do Pazo dos Deportes e os anexos logo das peticións de dimisión do vicepresidente da Deputación, a polémica e o hartazgo dos afeccionados ao baloncesto en Lugo pola falta de previsión do bigoberno provincial para desenvolver á reparación de todas as deficiencias.

Os populares esixen ao bigoberno atender ás vías da súa titularidade; xa que son “unha competencia propia da Deputación, asumida directamente polo presidente e totalmente desatendida”, poñendo como exemplos as estradas LU-P-4701 e o tramo da LU-P-4710 comprendido entre a LU-P-4701 e Salcedo, no municipio da Pobra do Brollón, totalmente intransitables; ou as queixas dos veciños da Cazolga, en Lourenzá, que demandan o aumento do ancho da vía, acondicionando cunetas practicables de formigón para gañar espazo.

2.8473780155182