O PSOE levará este xoves a Pleno as deficiencias da Escola Infantil e o Miradoiro da Feira do Monte

O concelleiro socialista de Cospeito, Daniel Irimia, continuará este xoves coa representación municipal no Pleno coa presentación de dúas mocións e unha serie de preguntas, que serán o eixo da orde do día.
En primeiro lugar presenta unha moción para revisar o modelo de licitación do Miradoiro da Feira do Monte, un espazo emblemático polo seu valor social, paisaxístico e turístico, que durante anos funcionou como miradoiro-bar e contribuíu á dinamización económica do concello.
Para o concelleiro, o procedemento de concesión quedou deserto, sen recibir ofertas, "debido ás condicións esixentes recollidas nos pregos, que comprometen a viabilidade económica da explotación, como un canon elevado, a obrigatoriedade de apertura durante gran parte do ano, a esixencia de experiencia previa, a asunción de todos os custos do inmoble e a imposición de actividades e usos adicionais. Ademais, as instalacións presentan deficiencias en baños, fachada e almacén, e quedou sen executar unha subvención para mellorar a accesibilidade mediante unha escaleira exterior".
Ante esta situación, a moción propón acondicionar previamente o inmoble, revisar e adaptar os pregos, abrir un proceso de diálogo co sector hostaleiro e emprendedor local, e convocar unha nova licitación nun prazo máximo de 60 días, garantindo mentres tanto o mantemento das instalacións para evitar o seu deterioro.
Na segunda moción denuncian vulneracións do dereito de información dos concelleiros e unha situación preocupante na Escola Infantil Municipal, segundo recollen as actas de inspección da Consellería de Política Social. O voceiro socialista expón atrasos e trabas no acceso á documentación solicitada desde xullo de 2025, o que dificulta o labor de control e fiscalización da corporación.
"As inspeccións autonómicas constatan deficiencias graves e reiteradas nas instalacións, problemas de seguridade, incumprimentos da normativa vixente e irregularidades na situación laboral do persoal, situacións que afectan á seguridade dos menores e aos dereitos das familias", di Irimia. Ademais, advirte do risco de sancións económicas importantes e mesmo do peche do centro se non se corrixen as deficiencias detectadas.
A moción propón que o Pleno tome coñecemento formal dos informes de inspección, esixa a entrega inmediata de toda a documentación pendente, solicite un informe detallado das medidas correctoras adoptadas ou previstas, reclame información transparente ás familias usuarias e reforce o compromiso institucional co dereito de información dos concelleiros e coa transparencia na xestión dun servizo público esencial.
O Grupo Municipal Socialista formulará varias preguntas e rogos ao goberno local de Cospeito. Nunha delas, cuestiona á Alcaldía por unha posible información incorrecta á prensa sobre a asistencia dun concelleiro do PSOE a comisións municipais e sobre a súa actividade pública, tras confirmarse que só se celebrou unha comisión no ano 2025. Tamén pregunta polos motivos polos que o Concello mostra agora interese en adquirir a casa-escola de Seixas, cando os veciños manifestaron de forma unánime a súa vontade de manter a propiedade na asociación parroquial, e reclama unha reflexión sobre o estado doutras infraestruturas sociais de titularidade municipal.
Nos rogos, o grupo socialista solicita axilizar as obras de pavimentación e mellora de varias vías incluídas no Plan Deputación 2025, prestando atención á instalación de drenaxes, e pide que se proceda canto antes á recollida dos plásticos agrícolas, pendente desde novembro do ano pasado.