O PSOE pecha filas en torno á súa concelleira valadourense Fina Geada
O PSOE, cuxo alcalde, Edmundo Maseda, rixe a localidade, enviou a nivel provincial un comunicado para clarexar en que situación se atopa o pacto de goberno que se negocia co BNG para reeditar a colaboración desenvolvida no mandato anterior.
A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Lugo quere amosar, mediante este comunicado, o seu respaldo unánime á xestión e o traballo da concelleira Fina Geada.
Dende o PSdeG-PSOE na Provincia de Lugo non aceptamos ningunha chantaxe de ningún partido político, e máxime, cando esta concelleira conta co respaldo máis importante, o que outorgan co seu voto as veciñas e veciñas do Valadouro.
O PSdeG-PSOE de Lugo vai seguir traballando e apoiando a todo o goberno socialista do Valadouro, para que sigan impulsando iniciativas e proxectos que contribúan a mellorar a calidade de vida de todas as súas veciñas e veciños.
Todo o goberno socialista do Valadouro e toda a Executiva Provincial Socialista da provincia de Lugo apoia sen fisuras á compañeira Fina Geada.
O Goberno do Valadouro segue aberto á negociación para formar un Goberno de coalición, pero, sempre é cando non se traspasen liñas vermellas que atacan directamente á elección democrática das veciñas e dos veciños do Concello.
O PSdeG-PSOE segue cumprindo con todos os pactos que xa ten asinados nos Concellos da provincia de Lugo.