O PSOE pedirá no Pleno un servizo de Madrugadores e o mantemento do canon de Sogama
O grupo socialista de Cospeito defenderá este xoves no pleno dúas mocións, unha sobre o canon de Sogama e outra sobre o servizo de madrugadores.
Así, segundo a liña da demanda realizada noutros concellos, a proposta da moción é instar á Xunta de Galicia a financiar o 100% do incremento do canon, mantendo a cota establecida neste concello adscrito á xestión de residuos en Sogama de 66 euros por tonelada de residuos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido.
Así mesmo, solicitan instalar os cinco tipos de contedores en todas as parroquias do concello; incluíndo o contedor marrón para os residuos orgánicos sobrantes, que implicaría unha rebaixa do 15% no pago do propio canon.
Tamén demandan instaurar un programa de compostaxe domiciliario e/ou comunitario especialmente, dado que son as poboacións de maior carácter urbano, nas dúas vilas principais, co fin de aproveitar os residuos orgánicas e reducir os mesmos. Finalmente queren promover a redución da produción de lixo mediante un programa de educación ambiental que conte distintas actividades e obradoiros dirixidos.
A segunda proposta consiste en solicitar o establecemento dun Servizo de Madrugadores contratando unha empresa de ocio e tempo libre cos respectivos monitores, que permita ás familias deixar aos nenos e nenas dos respectivos centros de educación do concello unha hora antes do horario lectivo dos centros.
Reclaman iniciar tal servizo no curso académico 2025/2026 e dotar de base orzamentaria tal servizo véndose reflectido nos orzamentos de 2025.
No pleno tamén se tratará sobre a aprobación dos orzamentos e a delimitación de 11 núcleos, concretamete os de Bogalloso, Calvario, O Carballal, As Carballas, Desecabo, A Escanavada, Mide, A Millarda, Moutillón, Toiral e Toxeiro.