O PSOE pon en valor en Vilalba a suba das pensións nun encontro con pensionistas e xubilados

TerraChaXa
O PSOE mantivo na capital chairega un encontro con persoas maiores para abordar diferentes temas de interese para este colectivo
socialistas terra cha vilalba maiores
13 Maio 2023

O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, xunto co Senador por Lugo, César Mogo, e a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, participaron nunha reunión na capital chairega na que abordaron as políticas adoptadas polo Executivo central para apoiar e mellorar a calidade de vida das persoas maiores.

O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gomez Besteiro, o Senador por Lugo César Mogo e a alcaldesa de Vilalba e candidata á reelección polo PSdeG, Elba Veleiro, mantiveron este venres pola tarde na capital chairega un encontro con persoas maiores para abordar diferentes temas de interese para este colectivo. Un acto comarcal que marcou o inicio da campaña electoral dos socialistas na Terra Chá.

Un encontro aberto que puxo no centro a dignificación das persoas maiores, como un grupo de poboación con experiencia que ten moito que achegar para o futuro da sociedade. Nese sentido, o Delegado do Goberno fixo fincapé nas medidas que o Goberno de Pedro Sánchez adoptou pensando na súa calidade de vida, como é o caso da suba das pensións conforme ao IPC, que ten un especial impacto na provincia tendo en conta as súas características sociodemográficas. Na comarca da Terra Chá as pensións subiron de media 845€ ao ano, o que supón un incremento de 60€ ao mes en 14 pagas. Como exemplo, en Vilalba a suba foi de 919€ anuais de media, 65 euros máis ao mes.

Gómez Besteiro puxo en valor estaba suba porque “aí onde o Goberno ten a posibilidade de defender os intereses de quen máis o precisa, pronúnciase”, ao tempo que manifestou que os socialistas teñen demostrado que se pode ter un sistema de pensións viable que garanta a xustiza social. Así mesmo, foi firme ao dicir que “os socialistas sempre poñemos ás persoas no centro das políticas, con especial atención ás persoas maiores porque son quen nos deron todo, traballaron arreo en momentos clave para o noso país e a sociedade ten que devolverlles, polo menos, unha parte do que deron polo conxunto da nosa sociedade”.

Un novo avance social, co voto en contra do PP

Tanto Besteiro como Mogo puxeron o foco en que este importante avance social foi aprobado co voto en contra do Partido Popular. Ao respecto disto, o Senador manifestou que os socialistas poden presentarse ante os pensionistas de Galicia e de Lugo mirándolles á cara porque, con esta reforma das pensións, “garántese que non perden poder adquisitivo ao subírselles, xustamente, o que sube o custe de vida”. Ademais, puxo o foco en que se “fixo moito máis porque esta reforma garante as pensións para as vindeiras xeracións. Acabáronse os discursos fatalistas de que non van quedar pensións para os nosos fillos”. Detallou que o que fixo o Goberno socialista é “asegurar que a persoa que comeza hoxe a cotizar cobrará a súa xubilación cando se xubile. É unha reforma xusta coas mulleres, desterrando discriminacións de xénero, e tamén cos autónomos, ao cotizar realmente polo tempo traballado”.

Vilalba, cos servizos sociais

A alcaldesa de Vilalba evidenciou que o seu Goberno pon no centro ás persoas con políticas reais e accións concretas. Veleiro explicou a sensibilidade do seu equipo coas persoas que viven soas, “sobre todo nos últimos anos de pandemia, onde era necesario estar ao carón delas”, pero tamén á hora de prestar servizos de calidade como o Servizo de Axuda no Fogar. “Para nós son un colectivo moi importante e que temos en conta para moitas medidas que adoptamos”, dixo.

0.09755802154541