O PSdeG presenta a súa candidatura en Lourenzá despois de mellorar as infraestruturas e as prestacións públicas do rural
O PSOE presentou este domingo a súa nova candidatura á alcaldía de Lourenzá para as vindeiras eleccións municipais, que encabezará a actual rexedora socialista, Rocío López. Fíxoo nun acto no que participou o Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e o candidato ao Senado, César Mogo.
A Alcaldesa de Lourenzá deu as gracias aos seus compañeiros de agrupación “por permitirme encabezar, unha vez máis, o proxecto dos socialistas para Lourenzá. É unha responsabilidade que asumo con moita ilusión e determinación, tal e como fixen no 2015, cando gañamos a alcaldía do municipio, pois é moi gratificante dar resposta ás demandas dos teus veciños.. Cando chegamos ao Goberno non foi doado, atopámonos un Concello sumido nunha crise económica moi grande, cun Plan de Axuste, onde non se cumprían a estabilidade orzamentaria nin a regra de gasto, perdíanse subvencións como a do Pazo de Tovar, había moitas facturas sen pagar, sentenzas firmes de demolición… que limitaban considerablemente a capacidade de levar a cabo novos investimentos. Aínda así, dentro da nosa aposta polo rural, conseguimos mellorar as infraestruturas e prestacións públicas das parroquias como os alumeados, os accesos, as estradas… que co PP estaban totalmente abandonadas”.
“O día que tomei posesión dixen que este Goberno sería transparente e que escoitariamos sempre aos veciños, estando ao seu carón e permitindo a súa participación. E así o fixemos, gobernando para todos os laurentinos por igual para que tivesen os mellores servizos”. Neste eido, Rocío López puxo en valor as axudas económicas por parte da Deputación “que permitiron, dentro da aposta conxunta dos Gobernos Municipal e Provincial, atención profesional a máis de 40 maiores co SAF Básico e a Teleasistencia gratuíta, xerar ducias de novos empregos no Concello ou dinamizar a economía e a actividade na vila a través de actividades culturais e deportivas”.
Candidatura para continuar o proxecto socialista
A Alcaldesa de Lourenzá destacou que se trata dunha lista seria, con xente responsable, honesta e comprometida cos veciños da vila. “Ofrecemos experiencia, con persoas que xa estiveron presentes en outras candidaturas; coa renovación, incluíndo caras e xente novas na lista para a continuidade e o futuro do Partido Socialista en Lourenzá. Presentámonos con máis ganas e ilusión que hai catro anos cando gañamos a alcaldía pois temos un compromiso cos veciños de Lourenzá que é continuar co proxecto socialista que empezamos no 2015 e do que nos quedan moitas cousas por facer, como a construción do campo de herba artificial para Santa Cruz, unha das dotacións máis demandadas polos deportistas laurentinos”.
A lista do PSOE para o Concello de Lourenzá intégrana Rocío López García, Javier Huertas Otero, Manuel Arango Ron, María Mercedes Dengra Sixto, Mario Leiton Ramallal, Sonia Gavino Reigosa, Manuel Castrillón Fernández, Guillermo Rilo Munin, Bernard Henri Denereaz Saillen, Natalia Minhoto Goas e Jose María Martínez Cienfuegos. Suplentes: Vanesa Vallines Dasilva e Berta Oliveros Yanes.