O PSOE provincial pide un acordo sanitario e un impulso aos xeodestinos

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O PSdeG, a través dunha moción na Deputación, esixe un acordo que comeza por implementar unha xerencia de atención primaria en cada Eoxi.
medico tension
28 Nov 2021

O PSdeG, a través dunha moción na Deputación de Lugo, esixe un acordo que comeza por implementar unha xerencia de atención primaria en cada Eoxi, así como a mellora das condicións laborais para o conxunto de profesionais temporais do Sergas. Tamén demanda clarificar o mapa dos xeodestinos turísticos da provincia e recursos económicos para impulsalos.

O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no vindeiro pleno Ordinario, que terá lugar o martes, unha moción coa que demanda un gran acordo para mellorar e reforzar a atención primaria na provincia de Lugo.

O PSdeG propón a través desta iniciativa “un acordo que comeza por implementar unha xerencia de atención primaria en cada Eoxi, así como a mellora das condicións laborais para o conxunto de profesionais temporais do Sergas”. Tamén propón promover a conexión entre os servizos de saúde mental e a Atención Primaria, con distribución de zonas de referencia para cada equipo de saúde mental, habilitando primeiras consultas nos propios centros de saúde e, finalmente, ampliar a posibilidade de solicitar probas diagnósticas de maneira directa por parte dos facultativos de Atención Primaria”.

Así as cousas, os socialistas denuncian que “os recortes do PP nos últimos anos levaron a Galicia a unha situación grave coa falta de persoal no sistema sanitario público. A nosa comunidade é a terceira peor de España en ratio de médicos/as por habitante (aproximadamente 450 por cada 100.000 habitantes, coa media española en torno a 480), e tamén a terceira comunidade autónoma con peor ratio de enfermeiros/as por paciente, con 5,4 por cada 1.000 (a media española está no 5,9 e a europea cerca do 8)”.

Así mesmo, Galicia ten a peor ratio de profesionais por paciente, tamén en áreas como saúde mental, e está por debaixo da media estatal en matronas por habitante. No que se refire á pediatría, a comunidade non chega ao 90% de prazas de atención primaria cubertas por pediatras, mentres comunidades en situacións parecidas, como Asturias, supera o 98%. A pesar diso, na última década, Galicia deixou de formar a 150 médicos/as de familia e comunitarios, dos que puideron ser solicitadas prazas MIR e non se fixo perdendo a oportunidade de xerar maior bolsa de profesionais para nutrir ao sistema.

Os socialistas lembran que nos últimos dous anos déronse, sucesivamente, as maiores convocatorias históricas de prazas MIR para todo o Estado e, tamén, para Galicia. Esta convocatoria histórica tamén o foi para medicina familiar e comunitaria e para a pediatría en atención primaria. “Os expertos sinalan deficiencias en xestión de persoal, en coordinación e planificación da estrutura de funcionamento e en falta de formación e investigación”, advirten dende o PSdeG.

Por todo isto, “como xa reiteramos en varias ocasións, as cifras que ofrece o Sergas sobre os cadros de persoal dos centros de saúde non reflicten a situación real da nosa provincial”. Como así acontece co ambulatorio de Viveiro, “xa que en teoría traballarían 9 médicos pola mañá e outros 3 de tarde, e idéntico número de enfermeiros, pero a única realidade é que, deses 12 médicos, faltan agora mesmo 3, ou sexa, o 25% do cadro de persoal”, denuncian.

XEODESTINOS

Presentará unha segunda iniciativa coa que demanda ao Goberno de Feijóo que clarifique a situación real do mapa actual de xeodestinos da provincia, e que o faga a través dun proceso de diálogo cos concellos e as deputacións.

“Presentamos esta proposta tras comprobar o espectáculo grotesco de contradición e dobre criterio entorno a esta nomenclatura por parte da administración autonómica. A día de hoxe, a Xunta firma convenios con xeodestinos que Turismo de Galicia non recoñece na súa propia web. En tempos da sociedade da información, presentar unha cousa nos medios e outra distinta na web oficial é un sen sentido que mide o fracaso dunha política turística que non acaba de ter outras ideas que esperar polo calendario a ver cando toca Ano Santo”, advirten os socialistas.

A través desta iniciativa, o PSdeG reclama “que o mapa resultante dese proceso adquira un carácter oficial, co seu debate no Parlamento e a súa publicación no DOG, como paso previo á actualización da información oficial na web de Turismo de Galicia”. Ademais, pide que “se desenvolva o marco normativo para definir con claridade o proceso de creación dos xeodestinos, así como os seus órganos xestores, funcións, competencias e os mecanismos de modificación do mapa”.

O PSdeG solicita tamén que “a Xunta habilite unha liña específica de financiamento para os xeodestinos galegos, con fondos repartidos con criterios obxectivos, coa finalidade de que se garanta unha achega económica que permita ós concellos que os conforman desenvolver unha actividade planificada é continuada no tempo”.

Polo que respecta á provincia de Lugo, a Xunta empregou indistintamente o termo xeodestino e subxeodestino (que non existe na lei de Turismo) para falar do Courel, nos convenios firmados co GDR Ribeira Sacra-Courel (por exemplo no do 23 de setembro de 2020). Ó día seguinte de firmar un convenio co xeodestino Courel, a Xunta asinaba outro para a reactivación do turismo no xeodestino Ancares-Courel.

Así as cousas, sinalan que “a confusión xerada pola Xunta en torno ó concepto de xeodestino réstalle eficacia a esta figura á hora de converterse no instrumento impulsor do turismo que recolle a Lei 7/2011. Algo que resulta especialmente grave neste momento no que o sector turístico precisa claridade e políticas de estímulo”.

A Xunta, que ten as competencias en Turismo, “non ten desenvolvido o marco legal dos xeodestinos. Non se sabe se por incapacidade ou polo desexo de non achegarlles aos concellos fondos para desenvolver apostas conxuntas de turismo local”.

0.20419311523438