O PSOE ratifica a Elba Veleiro como candidata á reelección na alcaldía de Vilalba

TerraChaXa
O PSOE ratifica a Elba Veleiro como candidata á reelección na alcaldía de Vilalba, co obxectivo de dar continuidade ao proxecto do 2019
elba veleiro alcaldesa vilalba
28 Xan 2023

A asemblea da agrupación socialista deu o seu apoio unánime á actual alcaldesa co obxectivo de dar continuidade ao proxecto que se iniciou no 2019, ano no foi arrebatada a alcaldía ao Partido Popular tras máis de 40 anos no goberno.

A asemblea da agrupación socialista de Vilalba vén de ratificar co seu apoio unánime o nomeamento de Elba Veleiro como candidata á reelección nos comicios electorais de maio, depositando unha vez máis a súa confianza na actual alcaldesa, primeira rexedora socialista na localidade.

Tras o fito histórico que levou a Veleiro a liderar o goberno nas pasadas eleccións municipais, arrebatándolle a alcaldía ao Partido Popular tras máis de 40 anos no poder, os socialistas apostan por renovar a confianza dos vilalbeses e vilalbesas para dar continuidade ao proxecto iniciado.

“Foron case catro anos de traballo duro, de ir poñendo ao día a un concello totalmente abandonado e de devolverlle a dignidade institucional que merecen os nosos veciños e veciñas”, afirmou Veleiro, remarcando que “tivemos que facer fronte a unha pandemia mundial que mudou dun día para outro as prioridades, esixindo do noso equipo moito esforzo e trastocando por completo o plantexamento inicial”.

A rexedora e candidata á reelección reafirmouse “no compromiso que teño con Vilalba, que terei e tiven sempre en todo o meu periplo político, e que agora precisa de novo do apoio das nosas xentes para que continúe a decencia política, a transparencia, a dotación de novos servizos, a dinamización social, a

boa convivencia e, en definitiva, o progreso de Vilalba, o paso dunha Vilalba en branco en negro a unha Vilalba chea de matices na que cadaquén atope o seu lugar e reciba dos poderes públicos un trato digno e igualitario”.

Médica de profesión, Elba Veleiro colleu o bastón de mando hai preto de catro anos para xerminar o froito do traballo de moitas persoas ao longo de anos, “unha responsabilidade da que son plenamente consciente, agradecendo a todos os homes e mulleres do Partido Socialista que remaron a favor para que puideramos facer realidade un cambio en Vilalba”.

Agora, asume este novo reto “coa ilusión intacta, coa seguridade de que faremos o mellor equipo para seguir gobernando con vocación de servizo á cidadanía e que eu me deixarei a pel por facer deste concello un lugar amable, co máximo benestar e servizos para todos, e poñendo sempre a Vilalba por diante”.

0.17808699607849