O PSOE reclama á Xunta que abra no verán o centro de saúde de Castro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
Lamentan que o rexedor de Castro de Rei "non sexa quen de solucionar e xestionar o que é un dereito para os seus veciños e veciñas"
concentracion-bng-centro-saude-castro-de-rei
Imaxe de arquivo
12 Xul 2024

Os socialistas da provincia de Lugo esíxenlle á Xunta de Galicia que abra o Centro de Saúde de Castro de Rei e úrxenlle ao alcalde a que “traballe polos seus veciños e veciñas e non se felicite por lograr a desatención sanitaria, cando o ambulatorio estará pechado todo o verán”.

A Secretaria de Organización, Pilar García Porto, lamenta que o rexedor de Castro de Rei non sexa quen de solucionar e xestionar o que é “un dereito para os seus veciños e veciñas. A Xunta decide pechar o centro de saúde e sae na prensa dicindo que entende esta reorganización. Non o entendemos maneira de castigar á veciñanza deste concello ano tras ano, deixando a unha boa parte da poboación sen atención sanitaria que lle corresponde”, alerta.

"Coa chegada do verán, e tamén dos turistas, o centro médico de Castro Ribeiras do Lea volve a estar na mesma situación de todos os anos, sen médicos. Ante isto, a solución que se da é quitar o médico do Consultorio de Castro de Rei, facendo que este peche e enviando ao seu médico para Castro Ribeiras do Lea, buscando desta maneira que polo menos en Castro Ribeiras do Lea haxa dous médicos”. Dous médicos, denuncia, que deben atender “a un mínimo de 5.015 persoas que están empadroadas no concello, máis todas as que persoas que visitan a localidade nos meses de verán e tamén precisan de atención sanitaria”.

Lamentan os socialistas que os prexudicados sempre sexan os veciños e veciñas tanto da vila de Castro de Rei como de todas aquelas aos que este consultorio dá servizo. "Con este peche de centros de saúde só se está conseguindo desmantelar a nosa sanidade pública”, advirte García Porto, ao tempo que apunta que en situacións de emerxencia se corre o risco de que os facultativos non cheguen a tempo a atender urxencias por culpa da falta de persoal e tendo en conta as distancias entre os diferentes puntos do municipio.

0.15955686569214