O PSOE reclama á Xunta que cubra os cupos na atención primaria en Vilalba

TerraChaXa
Patricia Otero sinala que os servizos sanitarios da localidade teñen 8 dos 11 profesionais facultativos asignados
ALCALDESA VILALBA PATRICIA OTERO XUNTA
10 Feb 2022

A parlamentaria socialista Patricia Otero reclamoulle ao conselleiro de Sanidade que contrate aos 3 médicos de familia que restan para cubrir coas 11 prazas de facultativo asignadas ao  PAC e o Centro de Saúde de Vilalba. Alertou de que a situación de Vilalba resulta “paradigmática da situación da Atención Primaria en Galicia”, cos profesionais, que “poñen todo o que poden en máis en dar un mellor servizo”, resolvendo por si mesmos a incapacidade de xestión da Xunta.

A ineficacia da Xunta á hora de contratar novos profesionais, explicou, provoca que os profesionais en activo teñan que repartirse entre eles o cupo de pacientes, co que teñen que atender cada un a 1.700 persoas. Ademais, engadiu, “estase a perder” a atención especializada en Oftalmoloxía e Reumatoloxía.

Así o dixo na súa intervención á que asistiu a alcaldesa de Vilalba, a socialista Elba Veleiro, que acudiu en representación de tódolos veciños e veciñas de Vilalba para trasladar e denunciar estes problemas e reclamar unha solución para a situación da sanidade pública no Concello.

Patricia Otero sinalou que a situación provoca un aumento da carga asistencial entre os profesionais sanitarios, que “teñen que asumir xornadas máis longas ou concentrar a asistencia no mesmo espazo de tempo”. A situación, explicou, esténdese tamén ao PAC que da servizo ao Concello, ademais de Abadín, Cospeito, Muras e Xermade, co que “non conseguen dar cobertura profesional a unha poboación de case 25.000 persoas, 1.800 delas en idade pediátrica”.

Apuntou en concreto á situación do concello veciño de Xermade, onde contan cun único profesional variable e non fixado a un Centro de Saúde que debera dispor de tres prazas de facultativo de medicina familiar e comunitaria. Só na provincia de Lugo, dixo, “poderiamos falar tamén das situación de Burela, A Pontenova ou a situación caótica do Centro de Saúde de Viveiro”.

Problema estrutural

Patricia Otero apuntou ao “problema estrutural provocado pola falla de xestión da Xunta para cubrir estes servizos de Atención Primaria” e acrecentado coa pandemia. Mentres o conselleiro xustifícase pola dificultade para contratar profesionais, apuntou que “algo ten que ver que Galicia ofreza das peores condicións laborais de España”, o que fai “imposible facerlles atractivo que veñan prestar servizos á nosa comunidade autónoma”.

Ademais, dixo, da renuncia de Feijóo a formar 151 profesionais médicos de Primaria dende que chegou ao goberno por outras tantas prazas MIR que “poderían ter convocado e non o fixeron”, mentres “escúsanse en botarlle as culpas ao goberno de España”. A causa, explicou, radica na “incapacidade total de xestión por parte do Sergas, que non son quen de cubrir as baixas, vacacións ou días libres” dos profesionais médicos.

0.069312810897827