O PSOE reclama á Xunta un programa de prevención da violencia machista en persoas maiores

TerraChaXa
A voceira de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, reclamou  un programa específico de prevención da violencia machista entre as persoas maiores.
21 Nov 2018

A voceira de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, reclamou  un programa específico de prevención da violencia machista entre as persoas maiores. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei, no Pleno do Parlamento que será votada mañá mércores, para contribuír á “ruptura do seu silencio” e darlles “un apoio eficaz que lles permita vivir sen medo e desfrutar da súa vida”.

A responsable socialista urxiu a “atallar ou mitigar unha situación silenciada por quen a sofre e tamén pola sociedade”, como é a das mulleres que “levan décadas soportando golpes, insultos e todo tipo de humillacións”. Blanco reclamoulles a PP e ao goberno galego un “esforzo de empatía” con quen “leva toda unha vida sentindo medo e padecendo unha violencia machista silenciosa e relegada á intimidade, que impón unha dobre invisibilidade: a do xénero e a da idade”.

Noela Blanco criticou que “cando facemos aportacións e propostas nos chaman mediocres, manipuladores e rancios” –citando á intervención da portavoz do PP-. Rexeitou a emenda presentada polo PP a esta proposta, que tildou de “moi básica” e que, explicou, “non fala das mulleres maiores, invisibilizándoas unha vez máis”.

Diante do anuncio do voto en contra do PP, advertiu que esta mesma proposta foi apoiada por eles mesmos nas asembleas de Madrid e Murcia “porque non teñen maioría absoluta, non poden impoñer o rodillo e non se poden permitir a soberbia que tiveron hoxe ao tratar un asunto tan serio”.

A responsable socialista apostou por enfrontar as “maiores dificultades” que atopan estas persoas para finalizar coas relacións de violencia, debido á “falla de detección, a dependencia económica, un maior illamento e soidade, a persistencia dos roles tradicionais de xénero ou o dano producido polos malos tratos continuados”.

Apuntou á grave situación deste colectivo cando as persoas maiores de 65 anos representan apenas o 1,4 por cento das denuncias pero padecen o 14 por cento dos asasinatos, o que “por si só explica un sufrimento silencioso e soterrado que urxe erradicar da nosa sociedade”. Lembrou que, de acordo co Informe Anual de Violencia de Xénero 2017, o ano pasado accederon ao programa de axudas periódicas 417 mulleres, o 4,32 por cento maiores de 65 -18-.

Mecanismos de detección

Noela Blanco instou a “loitar contra tanto sufrimento mellorando os mecanismos de detección, introducindo as novas liñas de actuación de maneira transversal nos servizos de atención a maiores, e enfrontando o descoñecemento e desprotección a través de protocolos adaptados ás necesidades destas mulleres.

Reivindicou maior investimento para fortalecer a rede de acompañamento e impulsar un programa de formación para a detección temperá de violencia para as auxiliares de axuda a domicilio e os profesionais de teleasistencia, que son quen ten contacto directo coas posibles vítimas.

Blanco apuntou que “hai recursos económicos” logo de que o goberno de España activara 200 millóns de euros do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para 2018, e as comunidades autónomas recibiran 100 millóns de euros para asistencia integral ás vítimas.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.077438116073608