O PSOE reclama ao Sergas que repoña en Cospeito o servizo de pediatría

TerraChaXa
Lara Méndez alerta de que en xuño non había ocos e en xullo só quedaba libre o día 28, o que obriga aos pais e nais a desprazarse ata Vilalba ou Lugo
Imaxe recurso dun pediatra
10 Jul 2025

A parlamentaria socialista Lara Méndez reclamoulle ao Sergas que repoña o servizo de Pediatría en Cospeito nas mesmas condicións que tiña antes da baixa da especialista, en setembro de 2024. Méndez presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Sanidade para recuperar este servizo, que foi rexeitada polo PP logo de presentar unha emenda que cualificou de “tomadura de pelo e falla de respecto aos veciños”.

Méndez presentou esta iniciativa logo de que, despois dunha longa temporada sen especialista en Pediatría, o Sergas reorganizara o servizo facendo que o Concello pasara de ter á pediatra -que comparten con Outeiro e Castro de Rei- dous días á semana a tan só un. Os tres concellos comparten un pediatra que atende a unha poboación conxunta de 15.000 habitantes e en torno a 1.400 nenos e nenas.

A responsable socialista Méndez criticou a falla de interese do alcalde do PP, que cando o PSdeG levou a reposición do servizo ao pleno do Concello “primeiro intentou que a retiraran, e despois abstívose”. Comparouno co alcalde de Outeiro, que si que aprobou a moción e agora recuperaron os dous días de pediatra á semana que tiñan antes de setembro.

A parlamentaria socialista responsabilizou ao goberno galego da perda do servizo neste concello no que, lembrou, no mes de xuño “non había un só oco dispoñible” para pedir cita, e no mes de xullo tan só quedaba aberto o día 28. Esta situación obriga aos pais e nais a desprazarse ata Vilalba ou a Lugo saturando os PAC ou o servizo de urxencias do hospital “porque os nenos e nenas de Cospeito non poden ser atendidos pola súa pediatra nin nos centros de saúde”.

Méndez acusou ao PP de presentar unha emenda que en realidade é “unha tomadura de pelo e unha falla de respecto aos veciños e veciñas” ao situar o foco na falla de médicos que en realidade “é competencia e obriga da Xunta”, que ten a competencia para “mellorar as condicións” dos profesionais sanitarios aos que manteñen con “salarios precarios e inestables”.

Lembrou que foi o goberno de Rajoy o que impediu repoñer os profesionais sanitarios en formación cando gobernaba hai 12 anos, xusto o tempo que tardan en formarse, e agora o goberno galego négase a solicitar as prazas que si está a habilitar o goberno central.

⚙ Configurar cookies
0.14891409873962