O PSOE de Muras reclama medidas ante a acampada irregular na área recreativa e Julio Díaz pide unha oficina bancaria

O pleno do Concello de Muras declarou deserta a licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ao non acadar ningunha das empresas licitantes a puntuación mínima esixida nos pregos, segundo confirmou o alcalde, Manuel Requeijo. O concurso estaba previsto para un ano, con opción a tres prórrogas, por un importe de 2,3 millóns de euros. O rexedor explicou que “vendo que as empresas non cumpren cos mínimos, imos enfocar as nosas forzas na remunicipalización, que entendemos que é o mellor sistema de xestión”.
No mesmo pleno, o portavoz do grupo non adscrito, Julio Díaz, presentou unha moción, aprobada cos votos do BNG e do PSOE e coa abstención do PP, para reclamar a necesidade de establecer unha entidade bancaria con oficina aberta ao público en Muras ou, no seu defecto, que se ofreza este servizo a través de oficinas móbiles, como acontece noutros concellos rurais. Díaz lembrou que desde o peche da oficina de Abanca no 2021 os veciños teñen que realizar grandes desprazamentos para calquera xestión bancaria, o que afecta especialmente ás persoas maiores e ao sector agrogandeiro. Tamén denunciou que o caixeiro, o único servizo operativo, “a maioría das veces tamén está fóra de servizo”.
Ademais, o grupo socialista reclamou medidas urxentes para evitar a acampada irregular na área recreativa durante as festas patronais, situación que, segundo denunciaron, se repite por terceiro ano consecutivo sen que o goberno local adopte solucións nin propoña alternativas. “Levamos dous anos advertindo desta situación e este vai ser o terceiro. O alcalde coñece os feitos, pero non toma medidas”, explicou a voceira socialista, Jennifer Gómez, quen indicou que ambulantes instalan caravanas e verten residuos no campo de fútbol, accedendo ao recinto da piscina sen control nin normativa clara.
O PSdeG tamén formulou unha batería de preguntas para fiscalizar a acción do executivo, reclamando información sobre o destino dos 21.000€ concedidos pola Deputación para actividades xuvenís, tras cubrir o custo do campamento de verán, así como a xustificación de gastos en comunicación, asesoramento ou subvencións a asociacións que, segundo sinalaron, non foron respondidas. “Solicitamos a memoria de actividades ou planificación, pero seguimos sen acceso á información a pesar de pedila reiteradamente”, sinalou Gómez.
Así mesmo, o grupo socialista puxo o foco na necesidade de revisar as bases das axudas ao estudantado, reclamando que se atendan tamén as necesidades dos mozos que residen en Muras pero estudan fóra por conciliación ou motivos persoais. “Non entendemos por que unhas partidas poden incrementarse e outras non, cando hai familias que quedaron fóra das convocatorias de 2023 por motivos discutibles”, indicou a voceira.
Finalmente, desde o PSdeG lamentan a actitude de opacidade do alcalde, que “evade as preguntas sen achegar a documentación solicitada”. “Seguimos á espera de que nos faciliten a información, porque temos dereito a exercer a nosa función de control como oposición”, concluíu Jennifer Gómez.