O PSOE responsabiliza ao Concello de Vilalba do retraso na cesión da Pena Grande

TerraChaXa
O Grupo Municipal Socialista censura a actitude do equipo de goberno do Concello de Vilalba polo retraso na entrega de documentación para a cesión solicitada do abrigo da Pena Grande, considerado o xacemento do paleolítico máis importante de Galicia.
13 Mar 2018

O Grupo Municipal Socialista censura a actitude do equipo de goberno do Concello de Vilalba polo retraso na entrega de documentación para a cesión solicitada do abrigo da Pena Grande, considerado o xacemento do paleolítico máis importante de Galicia. Situado na parroquia vilalbesa de Santaballa, fai uns catro meses foi obxecto dunha poxa lanzada polo Ministerio de Economía e Facenda, paralizada semanas despois pola presión social e política ante o que se considerou un agravio sen xustificación cara a un elemento de tal valor patrimonial e cultural.

Semanas despois e ante a pregunta formulada pola deputada socialista por Lugo Margarita Pérez Herraiz ante a Mesa do Congreso, o Ministerio de Facenda respostou mediante escrito non ter recibido aínda do Concello de Vilalba a documentación preceptiva para a tramitación da cesión solicitada. Segundo asegura a voceira dos socialistas, Elba Veleiro, “a Delegación de Economía e Facenda pediu esta documentación ao Concello o 21 de decembro, e case tres meses despois seguen ser ter resposta, polo que nos preguntamos a que están esperando”, indicando que desde o PSOE de Vilalba tamén teñen solicitado a documentación ao respecto “censurando un retraso desmedido e sen explicación lóxica”.

Na Pena Grande téñense atopado milleiros de elementos de interese arqueolóxico “sen que ningunha entidade pública se interesara pola súa prospección ata fai poucos meses”, criticou Veleiro, facendo fincapé en que “unha vez se inician os trámites para a cesión deste xacemento arqueolóxico, patrimonio da sociedade, a obriga do goberno local é axilizar os procesos e non procrastinar por pura deixadez e poñer obstáculos, evidenciando de novo que a protección e salvagarda do noso patrimonio está moi lonxe de ser unha das prioridades para os populares de Vilalba”.

0.069500923156738