O PSOE solicita á Goberno galego protección para os afectados da crise de Artesáns Galegos da Carne
O portavoz de Gandería do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, reclamoulle ao goberno galego que se implique para “protexer, apoiar e defender” aos gandeiros galegos afectados pola crise de Artesáns Galegos da Carne. O responsable socialista levou a Comisión parlamentaria a situación desta industria de Castro Ribeiras de Lea, vendida en novembro logo de non poder resolver a súa crise.
Pérez Seco explicou que a entidade foi adquirida a finais do ano pasado pola empresa catalá Suministros Megaro Foods por 1,6 millóns de euros, que non chegan para asumir os 6 millóns de débeda total que asume. Agora, dixo, “está por ver se esa empresa compradora estaría disposta a facerse cargo dos impagos arrastrados, o que é algo canto menos difícil”.
Reclamou a intervención da Xunta para axudar aos gandeiros a título individual que non cobraron, o que permitiría mitigar os custes e danos asociados aos impagos. Explicou que hai ganderías con débedas de 5.000 euros e superiores, e un grande número de gandeiros “que non pertencen a ningunha das cooperativas que forman parte da sociedade, que venderon a súa carne á empresa e non recibiron nada a cambio”.
Artesáns Galegos da Carne, explicou, estaba liderada por Carcosa, S.A., unha firma coruñesa especializada na comercialización e distribución que tiña arredor do 70 por cento da sala de despezamento. O outro socio destacado era a cooperativa de segundo grao Artesáns Gandeiros, que aglutinaba a 4.000 produtores e englobando á súa vez a unha decena de cooperativas de base.
A crise, xestada nos últimos anos, comezou retrasando os pagos a Artesáns Gandeiros, que comercializaban a maior parte do seu gando a través desta empresa, e continuou suprimindo precisamente esta comercialización de gando para rematar coa venda da industria á emrpesa catalá.