O PSOE tumba a moción para un Viveiro ciclabe presentada polo BNG

TerraChaXa | LugoXa
A alcaldesa e concelleiros do PSOE votaron en contra da moción do BNG que pedía transformar Viveiro nunha vila ciclable e amable coas bicicletas.
5 Ago 2020

A alcaldesa e concelleiros do PSOE votaron en contra da moción do BNG que pedía transformar Viveiro nunha vila ciclable e amable coas bicicletas.

A moción elaborada polo BNG en consenso con asociacións, colectivos e persoas particulares de Viveiro, foi tumbada no pleno do 4 de agosto polo PSOE, sendo os únicos votos en contra os do actual Goberno Municipal onde o seu concelleiro de deportes, César Iglesias Docal, deixou claro que o seu partido non estaba a favor de ningún dos puntos desta moción. Puntos que propoñían cousas tan básicas como; a creación de ciclorúas, que segundo o concelleiro César Iglesias non teñen sentido, incluso sendo esta solución a práctica máis habitual que están a utilizar en toda Europa para dar solución e seguridade as bicicletas. Dotar de aparcabicicletas os lugares públicos segundo o concelleiro, o Goberno Municipal xa colocou alí onde llos solicitaron, Míriam Bermúdez lembroulle o Rogo do BNG no 2019 para "dotar as praias e outros lugares públicos do Concello que aínda hoxe non se materializou, e que no concello non hai aparcabicis nin nas praias nin nos lugares públicos e de gran afluencia. Permitir amarrar libremente na rúa as bicicletas sempre e cando non entorpeza a circulación peonil".

Segundo César Iglesias tamén se trata dun punto negativo, xa que arrimar unha bici deterioraría o mobiliarío urbano, Bérmudez aclaroulle que con esta medida está demostrado que se incentivan as compras no comercio local. Zonas avanzadas de espera ciclista nos semáforos, segundo César Iglesias non se poden facer pois non está contemplado no regulamento de circulación, Míriam respondeu que moitas vilas e cidades levan décadas pintando estas zonas avanzadas tanto para bicis como para motos. Promover campañas de sensibilización e apoio ao medio ciclable, di que está ben potenciar a bicicleta pero que o Concello xa está en xestións para humanizar zonas do Concello, sen ter nada que ver a proposición coa resposta. En canto ao punto relacionado coa creación dunha comisión de seguemento e estudo, segundo o concelleiro de Deportes, xustificou tamén o voto desfavorable do PSOE dicindo que se debera convocar esta comisión antes do Pleno, aínda sendo a alcaldía o único organismo con potestade para crear comisións.

“Resulta escandaloso que un concelleiro de Deportes sexa capaz de desbotar unha moción que só buscaba potenciar e dar seguridade ás bicicletas” asegura Míriam Bermúdez, “e máis estando nun momento histórico no que o uso da bicicleta no nosoConcello aumentou nun 1000%, con moita xente agardando paraque se fixera algo para protexer e fomentar o seu uso". “Dende o BNG facilitamos o texto da moción dous meses antes do Pleno para facela en conxunto con todos os partidos, para que nos preguntasen e poder aclarar as dúbidas, así como modificar, quitar ou engadir o que fixera falta para mellorar o rol da bicicleta en Viveiro. Hai moita xente que non está a coller a bici por medo, porque as políticas municipais de ordenación de tráfico están ausentes ou son desastrosas e non se ten en conta a necesidade de protexer as persoas máis vulnerábeis da calzada", di Bermúdez.

“Só era necesaria vontade política, mais por desgraza o único que se constatou”, afirma Bermúdez, “foi que o PSOE de María Loureiro non tiña nin o máis mínimo interés en aprobala, cun argumentario carente de información e de interese por facer que Viveiro fora unha vila propia do século XXI e amábel coas bicicletas.”

COMISIÓN DE SEGUEMENTO E ESTUDO

Aínda así, Míriam Bermúdez insiste en que, un dos eixos fundamentais do BNG é devolver as vilas e cidades ás persoas, humanizando os espazos e favorecendo o transporte público e medios sustentábeis e amábeis coas persoas como son as bicicletas. Polo que a concelleira do BNG solicitou por rexistro o día seguinte ao Pleno, a creación dunha comisión de seguemento e estudo co fin de impulsar a creación de viais de preferencia ciclista e de carrísbici ao longo de todo o concello, para tratar nesta comisión a reducción da velocidade a 30km/h nas zonas urbanas coa creación de ciclorrúas, as zonas avanzadas de espera, a instalación de aparcabicis que permitan atar a bici ao cadro e a permisividade de amarrar as bicicletas libremente en farolas, sinais e árbores sempre e cando permitan a circulación peonil cómoda.

Sendo tamén obxectivo desta comisión o de crear e promover campañas de sensibilización e apoio ao medio ciclábel co obxectivo de avivar o interese polo desprazamento nestes medios, permitindo a participación aos membros das asociacións interesadas (veciñais, deportivas…) do municipio así como a un membro de cada partido politico.

0.18909597396851