O PSOE valora positivamente "o cambio de postura do Concello sobre a reciclaxe"

TerraChaXa | LugoXa
O voceiro socialista de Castro de Rei valorou moi positivamente que o Concello participe e implante un programa de compostaxe.
compostaxe
11 Nov 2021

O voceiro socialista de Castro de Rei, José Luis Castro Tellado, valorou moi positivamente que o Concello participe e implante un programa de compostaxe, a través de Sogama, co fin de reducir a fracción orgánica de residuos no Concello.

Castro Tellado lembra que o Grupo Socialista “defendeu unha moción no pleno do mes de xaneiro coa que reclamaba ao Concello facer partícipes os nosos veciños e veciñas dos beneficios e as ventaxas que xera esta actividade ecolóxica para reducir a contaminación nos nosos fogares”, explicou.

O voceiro socialista sinalou que a través da compostaxe “conséguense importantes beneficios ambientais e económicos, xa que os concellos reducen a frecuencia de recollida do lixo convencional, así como o importe da factura que deben pagar a Sogama pola xestión e tratamento da bolsa negra do lixo”.

Por iso, e tras coñecer que se van impartir charlas na nosa vila sobre a compostaxe “queremos remarcar que nos parece moi axeitado este cambio de postura por parte do Concello, xa que nos parece fundamental este tipo de iniciativas para mellorar a reciclaxe na nosa vila e nas nosas parroquias, e mellorar tamén calidade medioambiental de Castro de Rei”, dixo.

0.16262006759644