O PSOE de Cospeito volve pedir a celebración dun pleno sobre o coronavirus
O Grupo Municipal Socialista no Concello de Cospeito volveu solicitar a convocatoria dun pleno extraordinario para debater as posibles medidas de apoio á poboación e ao sector económico. O PSOE solicitara un pleno no mes de abril pero ao non poderse celebrar de forma telemática e tamén a causa do ceso do secretario municipal, decidiron de común acordo pospoñelo.
Agora, trala incorporación da nova secretaria, o PSOE solicita de novo a celebración deste pleno no que propoñen estudar a creación dunha comisión extraordinaria de seguimento da pandemia e das súas consecuencias, onde se poida informar das distintas medidas necesarias e outras incidencias. Piden tamén ao alcalde unha explicación de todos os contratos vixentes con empresas cuxos servizos actualmente non sexan prestados e estudar, co asesoramento e a axuda dos técnicos, a suspensión temporal de ditos servizos, sempre tendo en conta que non supoña un perxuízo para o propio Concello.
Tamén contemplan a modificación das ordenanzas municipais para unha rebaixa consensuada e temporal das distintas tasas e impostos municipais, sempre por suposto co asesoramento dos técnicos municipais e axustadas á lexislación vixente. Así como unha suspensión ou aprazamento temporal dos recibos de auga e lixo. Tamén a devolución e supresión de taxas de servizos que non se están prestando nin se prestarán durante un tempo como poden ser escolas deportivas, servizo de gardería, axuda no fogar, centro de día ou calquera outro.
Así memo, pensan na conveniencia de dedicar todo o permitido no Plan Único para axudas a persoas que se quedaron sen traballo, e a autónomos ou pequenas empresas que tiveron que pechar as súas portas ou viran gravemente mermados os seus ingresos.
Propoñen tamén unha rebaixa dos salarios recibidos polos cargos políticos tanto do alcalde como dos concelleiros con dedicacións totais ou parciais, así como das retribucións que todos os concelleiros reciben por asistencias a plenos, comisións informativas ou xuntas de goberno, como actitude exemplarizante e solidaria cos nosos veciños que ven mermados os seus ingresos.
Os socialistas queren tamén información sobre o material ou provisións recibido neste Concello procedente doutras administración ou doazóns particulares para saber a que se orientaron e como se repartiron.
Tamén solicitan información de axudas, atención e protocolos de actuación para persoas maiores, dependentes, principalmente as que viven soas, nenos con familias con dificultades e mulleres vítimas de violencia de xénero.
Finalmente solicitan que se lles informe da posta en marcha dos mercados de proximidade, que xa están comezando a poñerse en marcha noutros concellos da contorna.