O Punto de Actualización do DNI da Casa do Concello de Vilalba xa está operativo

O Concello de Vilalba informa de que xa está en funcionamento o novo Punto de Actualización do DNI electrónico na Casa do Concello, un servizo que permite realizar de forma rápida e sinxela diversas xestións relacionadas co DNI.
A través deste dispositivo, a veciñanza poderá consultar os datos do seu DNI, renovar os certificados electrónicos, activar o PIN do DNI ou modificalo, todo sen necesidade de desprazarse fóra do municipio.
A alcaldesa, Marta Rouco, subliñou que "deste xeito, os veciños e veciñas poden realizar na Casa do Concello e de forma moi sinxela trámites que telematicamente poden resultar enredosos ou para os que antes tiñan que desprazarse ata Lugo".
Con esta nova ferramenta, o Concello continúa a súa aposta por achegar os servizos dixitais á cidadanía e facilitar os trámites administrativos do día a día.