O PXOM de Ribadeo queda definitivamente aprobado

TerraChaXa | AMariñaXa
O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ribadeo queda definitivamente aprobado e consolidado, despois de que o Concello gañase os cinco contenciosos presentados no seu día por outros tantos particulares e empresas contra ese documento.
26 Feb 2019

O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ribadeo queda definitivamente aprobado e consolidado, despois de que o Concello gañase os cinco contenciosos presentados no seu día por outros tantos particulares e empresas contra ese documento. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que se pon así fin a un treito engorroso e que nos vindeiros anos verase como Ribadeo vai cambiando para mellor.
O rexedor dixo que “temos que dar unha noticia moi importante, desde o punto de vista urbanístico, non soamente para Ribadeo senón entendo que tamén para o conxunto do país, porque hai que ter en conta que o Plan Xeral de Ribadeo a partir de agora está definitivamente aproado e consolidado”.
Fernando Suárez explicou que “se ben é certo que foi aprobado administrativamente a finais do 2014, é agora nestas semanas cando podemos dicir que está definitivamente aprobado e consolidado porque sobre os cinco contenciosos que no seu momento foron presentados contra el, por diferentes particulares, e aínda que ningún destes cinco contenciosos afectaban esencialmente ao Plan Xeral senón que afectaban a intereses particulares destas persoas, pola clasificación na tipoloxía dos terreos, etc…, algún destes particulares plantexaba a caída de todo o planeamento e a consecuente destrución de todo o traballo que tanto tempo e esforzo nos levou”.
O alcalde manifestou que “o Concello demostrou diante da xustiza que os terreos estaban correctamente clasificados e deunos a razón. Foi un treito longo e engorroso, pero cando se queren facer as cousas ben e con humildade finalmente as cousas resultan ben e traen beneficios”.
Suárez Barcia salientou: “eu quero tamén sinalar, outra vez máis, o traballo de varios mandatos, especialmente no anterior cando o aprobamos, e quero lembrar aos portavoces de todos os grupos que tiveron unha achega honesta e sensata para que isto poida ser un patrimonio de todos por moitos anos. Quero mandarlle un saúdo a Tino de UPRI, a Valín do PP, a Lalo do PSOE, a Horacio que tamén era portavoz do Bloque en materia urbanística, así como tamén aos técnicos municipais que nos axudaron moito e que entendo que levan con satisfacción o feito de ter un Plan Xeral de Ordenación Municipal adaptado ás novas leis, ás leis máis modernas, e ademais con toda a seguridade xurídica. Isto contrasta con outros Concellos, de aquí mesmo da Mariña, que non teñen normas urbanísticas, e que xa non se trata de problemas penais senón de destrozar o país para sempre”.
O rexedor sinalou que “a diferenza doutras zonas da Mariña, demostramos en Ribadeo que é posible facer as cousas con xeito, con sentidiño, combinando o crecemento sostible coa protección da nosa identidade e do noso patrimonio. Agora, precisamente con isto aprobado definitivamente e consolidado tamén pola xustiza, nos próximos anos, se vai ir vendo como Ribadeo vai ir cambiando para mellor, paseniño, pouco a pouco, como se fan as cousas para que saian ben”.

0.20713496208191