O queixo San Simón será o protagonista do cupón da ONCE do sábado
O Concello de Vilalba e a ONCE presentaron o cupón do sorteo deste sábado 2 de abril, que estará dedicado ao Queixo San Simón da Costa. Con motivo da celebración esta fin de semana da XXVI Festa do Queixo San Simón da Costa, o cupón da ONCE estará ilustrado con este produto local.
“Dende o Concello de Vilalba agradecemos a colaboración da ONCE con este xesto cara o noso produto local, contribuíndo a difundir a nosa oferta gastronómica cunha iniciativa social como é a ONCE”, sinala Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba.
Na presentación do cupón estiveron presentes a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; a concelleira de Feiras e Mercados, Antía Rama; Eva Lorente, directora da axencia ONCE en Lugo e Ángel Ramil, secretario do Consello Regular da D.O.P. Queixo San Simón da Costa. O sorteo realizarase este sábado, 2 de abril, e o cupón xa está á venda nos puntos oficiais.
Pola súa parte, Antía Rama, concelleira de Feiras e Mercados, sinalou que esta fin de semana “retómase a festa do Queixo San Simón da Costa tras dúas edicións moi limitadas pola pandemia, unha celebración na que enxalzamos un dos nosos produtos máis emblemáticos e que amplía a súa difusión en toda España grazas á iniciativa da ONCE”.