O Rácing Vilalbés crea unha academia de porteiros que comezará en setembro

O Rácing Club Vilalbés vén de anunciar a posta en marcha dunha nova academia de porteiros para a tempada 2025/26, que estará dirixida polo gardameta do primeiro equipo, Alejandro Santomé. A iniciativa está aberta tanto aos porteiros da canteira do club como a xogadores doutros equipos, desde a categoría alevín ata sénior.
O proxecto contará cunha metodoloxía propia, deseñada especificamente para a entidade, co obxectivo principal de reforzar a formación e o desenvolvemento dos gardametas a longo prazo. As sesións, cunha duración dunha hora, celebraranse todos os martes de cada mes e serán impartidas polo propio Santomé, quen aplicará este sistema de traballo especializado.
A academia ofrecerá grupos reducidos, atención personalizada e descontos en material deportivo. O prezo de inscrición é de 30 euros mensuais e as prazas son limitadas. Os horarios definitivos estableceranse unha vez conformados os grupos por categorías.
Con esta iniciativa, o Rácing Club Vilalbés dá un novo paso no seu proceso de crecemento, facendo unha aposta decidida pola formación dos seus xogadores e, neste caso, por unha posición clave no fútbol como é a de porteiro.
As inscricións poden facerse nos teléfonos 628 039 485 (Michi) e 601 344 210 (Santomé).