O Racing Vilalbés inicia a pretempada con continuidade no plantel e novo adestrador no banco

O Racing Club Vilalbés botou a andar de cara á tempada 2025-2026 e faino cunha mestura de continuidade e renovación. A gran novidade está no banco: Juan Rodríguez, natural de Chantada e ata o de agora coordinador da base do club, asume o reto de dirixir o primeiro equipo en Terceira RFEF. Estará acompañado por Roberto Freire como segundo adestrador.
O técnico estrearase ao mando dunha plantilla cun claro obxectivo: asegurar a permanencia. Así o manifestaron tanto el como o presidente, Juan José Vázquez Carreira, durante a presentación oficial do equipo. “Traballo e ilusión non van faltar”, asegurou Rodríguez, mentres que o presidente apelou ao compromiso dos xogadores desexando “un ano sen lesións e con moitos éxitos”.
A dirección deportiva decidiu apostar pola estabilidade, renovando a 13 futbolistas que xa formaban parte do equipo: Santomé, López, Cadra, Vérez, Buyo, Javi e Jose Varela, Make, Martín da Lama, David García, Javi Rey, Anthony e Borja Míguez.
A estes súmanse tres novas fichaxes: Pablo Trigo, dianteiro procedente do Bergantiños; Álvaro Herrero, extremo que chega do Polvorín; e Sergio Otero, centrocampista fichado do Somozas. Ademais, nove xogadores do filial formarán parte da dinámica do primeiro equipo, mentres que os xuvenís Yago Miguélez e Edu Reigosa darán o salto de categoría.
O calendario de preparación inclúe oito encontros amigables antes do inicio oficial da liga, previsto para o 7 de setembro na Madalena fronte ao Alondras. O primeiro compromiso será o 6 de agosto contra o San Tirso en Vilalba. No mesmo escenario xogarán tamén ante o Burela (día 20), Bergantiños (23), Sarriana (27) e Lemos (30). Completan a pretempada os partidos fóra da casa fronte ao Silva (9 de agosto) e o Arteixo (15).
O club confía en que esta combinación de experiencia, canteira e novas incorporacións permita afrontar con garantías unha nova campaña en Terceira RFEF.