O Rally San Froilán percorrerá dende este venres Meira, Outeiro de Rei, Friol e Pol
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, presentaron a 40 edición do Rally San Froilán, que terá lugar os vindeiros días 27 e 28 de outubro. Fixérono acompañados do Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández Méndez, a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez López, e os alcaldes dos Concellos de Friol, Meira, Pol e Outeiro de Rei, municipios polos que transcorrerá a proba. No acto tamén participou a vicepresidenta da Escudaría Miño, Mayte Vilanova López e o presidente da Escola PTC, Antonio Solórzano.
O Goberno da Deputación e do Concello de Lugo son os principais patrocinadores da cita, que reunirá a 105 pilotos, entre os que se atopa Víctor Senra, o actual campión galego, que competirá polo título con Alberto Meira e Iago Caamaño. Xunto a eles atópase Adrián Díaz, campión do Rally San Froilán 2017.
O organismo provincial realiza unha achega de 30.000 euros para a organización do Rally San Froilán, que se suma aos 17.000 euros que o Executivo destinou á posta en marcha do VII Volante Deputación, a iniciativa mediante a cal un afeccionado lucense, José Miguel Rodríguez, poderá participar de balde na competición, dentro do equipo PTC Escuela e aos mandos dun Suzuki Swift Sport, tras recibir cursos de formación.
Campos Conde subliñou que “Esta competición supón unha oportunidade única para a dinamización da provincia, pois congrega de media a uns 40.000 espectadores, cun retorno económico estimado dun millón de euros para a provincia, segundo a propia organización”.
O presidente da Deputación apuntou que “a de Lugo é unha Deputación que aposta decididamente polo deporte. Somos, sen dúbida, a administración que máis inviste neste eido na provincia. E, como non podía ser doutro xeito, ano a ano ratificamos o noso compromiso co deporte do motor, cunha achega próxima aos 140.000 euros. Estes fondos permiten: conceder becas aos mellores pilotos da provincia, a través dunha pioneira liña de axudas que impulsamos dende o Executivo; a organización e celebración do Volante Deputación, que este ano cumpriu a súa sétima edición, formando a afeccionados do deporte automobilístico; e, por suposto, para facer posible as subidas a Chantada e á Pontenova e tamén o Rally da Ulloa”.
As cifras do rally
Segundo a organización do 40 Rally San Froilán, o evento terá unha importante repercusión na economía da provincia, xa que producirá un retorno económico para Lugo de preto dun millón de euros, que beneficiará sobre todo aos concellos polos que transcorrerá o evento. O sector hoteleiro incrementará a súa demanda de aloxamento durante os dous días de duración dos actos desta cita automobilística, coa reserva de arredor de 150 habitacións dobres, e os establecementos de hostalería verán tamén notablemente aumentados os seus beneficios.
Percorrido
O 40 Rally San Froilán, puntuable para o Campionato Galego de Rallys, estará formado por un percorrido de 378,35 quilómetros dos cales 91,73 quilómetros corresponden a 8 treitos cronometrados por estradas asfaltadas pechadas ao tráfico. A proba constará de dúas etapa dividida en cinco seccións.
Na xornada do venres 26 levaranse a cabo as correspondentes verificacións técnicas e administrativas. O sábado 27 será a xornada na que se disputará o rally, o cal comezará ás 08:00 horas coa saída do primeiro participante da primeira das seccións. Ás 10:28 horas sairá o primeiro participante da segunda sección e ás 14:20 horas terá lugar a saída do primeiro participante da terceira sección. Ás 18:54 horas, o primeiro participante da cuarta sección tomará a saída. Ás 00:00 horas publicaranse os resultados da proba.
Normas básicas de seguridade
A organización do Rally recordou aos afeccionados a importancia de situarse en lugares fose de perigo, é dicir, lonxe da posible traxectoria dunha saída de estrada dos participantes e, sobre todo, non situarse diante de lugares sólidos como muros de pedra, valla, vehículos, árbores, colectores, etcétera. Así mesmo, solicitou a máxima colaboración para intentar cumprir e respectar en todo momento as medidas establecidas, respectando e obedecendo as recomendacións dos Comisarios, Protección Civil e Forzas de Seguridade.