O Resurrection esténdese á Terra Chá con reservas de hoteis ata en Vilalba

TerraChaXa
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, visitaron as instalacións nas que se está a desenvolver o XII Resurrection Fest, o festival de música metal e rock máis importante de España e un dos máis relevantes de Europa, recoñecido e premiado como tal con diferentes galardóns.
DEPUTACION VISITA RESSU VIVEIRO2
13 Jul 2018

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, visitaron as instalacións nas que se está a desenvolver o XII Resurrection Fest, o festival de música metal e rock máis importante de España e un dos máis relevantes de Europa, recoñecido e premiado como tal con diferentes galardóns. Fixérono acompañados de Iván e David Méndez Rodríguez, Director e Subdirector do festival, así como promotores e organizadores cos que dende sempre colaboraron Deputación e Concello de Viveiro, sendo as administracións galegas que máis o fan.

Campos Conde avanzou que “este é un dos eventos turísticos máis importantes para a provincia. O primeiro, de seguro, para a nosa Mariña. Deputación e Concello de Viveiro apostamos por este festival dende o primeiro momento, da man de Melchor Roel, non coma outros que se apuntan tras o seu éxito. Hoxe Deputación e Concello seguimos sendo as administracións galegas que máis colaboran. Dende a Deputación, facémolo con máis de 130.000 euros. Cremos isto non é un gasto senón un investimento para a nosa provincia. O Resu ten todo un recoñecemento mundial. Atrae a 85.000 persoas de máis de 40 países. Agárdase un retorno económico de 13 millóns de euros. Xera uns 2.000 postos de traballo directos e indirecto pois, por exemplo, contrátase persoal de seguridade, produción, iluminación, son, limpeza, atención nas taquillas... e tamén para reforzar o servizo en bares, restaurantes ou hoteis...”

“De feito, os hoteis da Mariña están cheos polo que os efectos do Resu se estenderon á Terra Chá, habendo reservas en Concellos como Vilalba. Por proximidade, tamén hai as hai en municipios da Coruña. Creo que este festival repercute moi positivamente na economía da nosa provincia, ademais de ser un escaparate turístico de primeira, pois sitúa a Viveiro e á Mariña Lucense no mapa turístico mundial. Moita xente virá ao Resu e, de seguro, aproveitará para coñecer a nosa provincia, para mercar nos nosos comercios ou para desfrutar da nosa gastronomía, cultura, patrimonio e por suposto da beleza paisaxística única da provincia”. l”.

12.300 persoas enchen os 4 campings

A Alcaldesa destacou que “Viveiro ten unha ocupación hoteleira do 100% durante toda esta semana. Están ocupadas as 2.000 prazas hoteleiras. O mesmo sucede coas 300 prazas do cámping municipal e coas 12.000 prazas dos campings da organización (Resu Camp, Beach Camp e o de Covas). Este volume de visitantes contribúe á dinamización económica e promoción turística do noso Concello”.

Escenario de shows acústicos

Iván Méndez Rodríguez explicou que “o cartel é moi variado e ambicioso. Haberá 4 escenarios temáticos e 100 bandas. Como novidade, instalamos un escenario de shows acústicos, ampliando así a oferta musical que ofrecemos aos visitantes. Este ano, contamos co cartel máis variado que tivemos nunca. Para todos os públicos. Poderemos ver lendas da música como Tom Morello de Rage Against The Machine, Gene Simmons e Paul Stanley de KISS, Corey Taylor de Stone Sour e Slipknot, Klaus Meine e Rudolph Schenker de  Scorpions, Dave Mustaine de Megadeth, Papa Emeritus de Ghost, B-Real e Sen Dog de Cypress Hill, Ao Jourgensen de Ministry, Jello Biafra de Dead Kennedys… e moitos máis. Sen dúbida, a edición máis ambiciosa e que pasará á historia”.

Punto lila

Loureiro lembrou que “dende o Concello de Viveiro, e dentro da nosa defensa dos dereitos das mulleres, promovemos unha campaña para evitar as agresións sexistas no Resurrection, coa instalación dun punto de atención lila, así como con labores de información e concienciación aos visitantes. De feito, haberán unhas 12 voluntarias -traballadoras sociais, psicólogas ou educadoras- que percorrerán o recinto repartindo dípticos informativos e facéndose visibles para evitar calquera tipo de agresión que se poida producir. Facémolo como medida preventiva pois nos 12 anos de historia do festival, non houbo ningunha denuncia por agresión sexual”.  

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17908716201782